O PPdeG conmemora o Día de Galicia en Amoeiro reivindicando a figura de Otero Pedrayo

OurenseXa
Alfonso Rueda presidiu o acto celebrado no miradoiro de Bocarribeira, en Amoeiro, no que tamén participaron Luis Menor e Ana Méndez, quen puxeron o foco na defensa da identidade galega e no futuro de Ourense.
pp-dia-de-galicia-amoeiro
24 Jul 2026

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou este venres, con motivo da celebración do Día de Galicia organizada polo partido, a cultura, a lingua, a historia e a tradición como un patrimonio “de todos os galegos e galegas, sen excepcións, nin exclusividades por moito que algúns queiran impoñelas”. Segundo afirmou, estes valores representan un pobo “humilde, traballador, unido, aberto, moderno e cheo de futuro” e son motivo de “orgullo” pola Galicia “de onte, hoxe e mañá”.

O acto desenvolveuse no miradoiro de Bocarribeira, un enclave ao que o escritor Otero Pedrayo deu nome, e no que tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor; o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López; e outros representantes da formación, entre eles a portavoz do PP na cidade de Ourense e candidata á Alcaldía, Ana Méndez. O encontro concluíu cunha fotografía de familia e coa interpretación do himno de Galicia.

Durante a súa intervención, Rueda lembrou a figura de Otero Pedrayo para destacar unha Galicia que “coida a terra e o mar, que protexe a súa lingua”, ao tempo que asegurou que a comunidade evolucionou ata converterse nun referente en numerosos ámbitos. “Hoxe Galicia non queda atrás: é referente e líder en moitos eidos, capaz de competir sen complexos a nivel internacional”, sostivo.

O líder popular tamén puxo en valor distintas políticas impulsadas na comunidade, entre elas a educación gratuíta desde os 0 anos ata a universidade, a sanidade, o parque público de vivenda ou a recente chegada da multinacional SAIC, que cualificou como o maior investimento estranxeiro do século en Galicia.

“Esta é a Galicia pola que traballamos dende o PPdeG, unha Galicia que avanza como van a comprobar o ano que vén os milleiros de visitantes que se achegarán polo Xacobeo 2027 e como poden comprobar a diario os galegos e galegas que estudan, traballan ou emprenden na nosa terra”, afirmou.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, destacou a elección do miradoiro de Bocarribeira para celebrar o acto como unha forma de “renovar o compromiso coa defensa dos nosos símbolos e da nosa cultura”, ao tempo que lembrou o papel de Otero Pedrayo e da Xeración Nós na modernización de Galicia.

Menor definiu o 25 de xullo como “un día grande que comparten todos os galegos e galegas”, aínda que tamén considerou que é unha xornada para reivindicar. Neste sentido, afirmou que “levantamos en alto esa bandeira da reivindicación do noso que, por riba de todo, defendemos no PP de Ourense, o partido que máis confianza xera entre a cidadanía de toda a provincia”.

O presidente provincial tamén fixo referencia ás eleccións do próximo ano, asegurando que será o momento no que “aos ourensáns vannos examinar” e apelou a demostrar o traballo realizado para continuar avanzando no desenvolvemento da provincia. “Poderemos renovar o apoio con máis forza, con máis ilusión, con máis lexitimidade para seguir construíndo o Ourense que merecemos”, engadiu.

No acto interveu tamén Ana Méndez, portavoz do PP na cidade de Ourense e candidata á Alcaldía, quen reivindicou “esa xente traballadora, emprendedora e inconformista que fixo grande Galicia ao longo da historia” e puxo en valor o papel de Ourense como terra de referentes culturais, do termalismo, do entroido, do magosto e do viño.

A dirixente popular asegurou que “Ourense nunca tivo un problema de identidade nin de talento” e defendeu a apertura dunha nova etapa para a cidade. “Chegou o momento de abrir unha nova etapa”, afirmou, para “deixar atrás a improvisación, as escusas e o ruído para volver falar do que realmente importa: da xestión, dos proxectos, das oportunidades e das persoas”.

Méndez concluíu a súa intervención asegurando que “Creo en Ourense, creo na súa xente e creo que chegou a hora de que deixe de conformarse co que é para empezar a converterse na cidade que sempre estivo chamada a ser”.

0.1241090297699