O PPdeG de Ourense celebrou a súa Xunta Directiva Provincial do PP co foco posto nas municipais de 2027

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, presidiu este martes a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense no marco da rolda de reunións que se realizaron xa nas provincias de A Coruña, Pontevedra e Lugo.
Estes encontros, salientou Rueda, chegan co obxectivo de “ter sempre engraxada a máquina” de gañar eleccións. O presidente definiu ao seu partido como “o que máis se parece aos galegos e aos ourensáns” e o “partido do sentidiño e da estabilidade”.
Rueda referiuse ao ciclo electoral “intenso” que se vive en España (Estremadura, Aragón, Castela e León e agora Andalucía no mes de maio) e puxo o foco nas convocatorias que máis afectarán a Galicia: as municipais de 2027 e as xerais, que, segundo el, “serán cando a Sánchez lle conveña”, dixo.
O líder dos populares en Galicia fixo un chamamento a intensificar o traballo “nos barrios e nos pobos”, insistindo en que as eleccións “se gañan dende xa”, e enxalzando esa labor diaria dende concellos, deputacións, Xunta de Galicia, Congreso ou Senado.
Neste sentido, reivindicou tendencia de que o Partido Popular está sendo “a opción maioritaria” nas eleccións que xa se celebraron, proba, segundo Rueda, de que os populares “escoitan” e “atenden” á cidadanía nas diferentes Cámaras e “a veciñanza responde co seu voto nas urnas”. Con todo, instou á militancia a “non dar todo por perdido, e menos nada por gañado”. Así o sinalou nunha xunta directiva na que tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
O presidete da Xunta apostou por continuar cos valores de “estabilidade” e “moderación” e puxo como exemplo o Goberno Galego como un goberno “que cumpre” en materia de educación, vivenda e sanidade. Admais, aproveitou para lanzar un dardo contra o Goberno Central que, asegura, non ten tempo nin para gobernar, nin para ocuparse dos problemas dos cidadáns, nin dos ourensáns”, e acusou ao PSdeG de cumprir só “cos ditados de Ferraz”. Tempo tivo tamén para criticar ás filas nacionalistas que, na súa opinión, “pensan que ser oposición é o mesmo que opoñerse a todo”.
Pola súa banda, o presidente do PP da provincia de Ourense, Luis Menor, repasou a actividade desenvolvida polo PPdeOU nestes catro meses de 2026 e que cualificou como “intensísimos”, coa celebración de cinco congresos locais, a creación de tres novas xestoras, incluída a de Novas Xeracións de Verín, e a constitución da primeira agrupación moza na Limia.
Na Xunta Directiva aprobáronse ademais tres novos congresos locais para o mes de xuño -Esgos, Manzaneda e Viana do Bolo-, mantendo así como principal desafío “a consolidación territorial do partido, actualizando e fortalecendo cada agrupación da provincia”.
Tamén se referiu á celebración da II Interparlamentaria ourensá e á creación do grupo Séniors en Acción, integrado por maiores que reivindican a súa capacidade para xogar un papel activo na política, ademais da organización, o próximo 9 de maio, da primeira romaría provincial do PP de Ourense, “coa que queremos transmitir esa imaxe de fortaleza e unión que nos caracteriza”.
Toda esta actividade, subliñou Luis Menor, está encamiñada a manter a maquinaria do partido “a pleno rendemento”, único xeito de mostrar ante a sociedade que “o noso compromiso con Ourense non ten meta”.
Ademais dos obxectivos políticos, como superar as 54 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación e ser decisivos na capital, o presidente provincial defendeu que o PP de Ourense lidera “a bandeira da reivindicación pola nosa implantación no territorio e o coñecemento profundo das necesidades da nosa veciñanza, con presenza constante en cada aldea e cada barrio, grazas a eses 473 concelleiros que temos por toda a provincia, o 55 % de todos os concelleiros”.