O PPdeG defende a política de vivenda e o apoio ao rural e acusa a Sánchez de "anuncios baleiros"

O PPdeG reivindica as políticas de vivenda do Goberno galego de “chaves en man” e de facilidades de acceso e fixación de poboación no rural, fronte ao modelo de “anuncios baleiros” do Goberno de Sánchez e os seus socios independentistas do BNG. Os populares reivindican as medidas “efectivas, pragmática e reais” do Executivo autonómico liderado por Alfonso Rueda ante a que é “a principal preocupación de galegos e galegas”, a vivenda.
Así o manifestaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, xunto co presidente da xestora municipal do PP de Maceda, José Manuel Gil, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Maceda para tratar o grave problema do acceso á vivenda. É a sétima xornada organizada pola área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, que xa fixo parada en Ourense, Barbadás, Xinzo de Limia, Verín, O Carballiño e Celanova.
“Defendemos que quen queira vivir no noso rural, nas nosas aldeas, poida facelo, con dignidade e con facilidades de acceso. Porque a vivenda é un problema social e demográfico. Unha preocupación do Goberno galego fronte ao escaso apoio que ofrece o Plan Estatal de Vivenda de Sánchez”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG.
Prado lembrou un dos compromisos da campaña e gran obxectivo da lexislatura de Alfonso Rueda á fronte do Goberno galego: facilitar o acceso á vivenda, destacando que o Executivo autonómico destinou un orzamento “histórico” en materia de vivenda neste 2026, con 350 millóns de euros e un plan de acción que inclúe novas modificacións lexislativas, tributarias e fiscais para incentivar e favorecer a construción de nova vivenda. Entre outras medidas, destacou iniciativas como Fogar Vivo para mobilizar vivendas baleiras e poñer no mercado máis fogares en alugueiro ou os incentivos para os menores de 36 anos para a compra de vivenda.
Fronte a estas medidas, a número dous dos populares galegos criticou a “inseguridade xurídica que provoca unha lei estatal de vivenda fracasada, que pensa máis nos okupas que nos propietarios”. Neste senso, sinalou que Sánchez “leva oito anos facendo da vivenda nun luxo”, con consecuencias claras como: prezos disparados, mozos que non poden emanciparse e a citada okupación.
“Fronte a este modelo dun goberno en descomposición, no PPdeG estamos ao carón deses mozos que queren un futuro no rural, deses propietarios que precisan de garantías xurídicas e dos concellos dispostos a colaborar”, dixo. Para Prado, o Goberno de Sánchez, coa “complicidade” dos seus socios do BNG, “abandona ás comunidades autónomas, como estamos vendo coa cidade de Ceuta tras a invasión”. “Xa non podemos esperar nada deste Goberno en descomposición”, anotou.
Neste sentido, Prado fixo referencia as alianzas de PSOE e BNG por “intereses partidistas”, como pasou en Maceda, onde o Partido Popular foi o partido máis votado nas últimas eleccións municipais e, sen embargo, os pactos de esquerda, imposibilitaron o goberno do PP. “Os veciños de Maceda merecen un goberno serio, un goberno do PPdeG e que ofreza solucións aos problemas que lle preocupan”, concluíu.
LUIS MENOR PON EN VALOR A APOSTA DO GOBERNO DE RUEDA
Pola súa banda, Luis Menor apuntou que só na provincia de Ourense hai 100.000 vivendas baleiras e nos últimos catro anos encadeáronse catro subas consecutivas de poboación ata superar os 306.600 habitantes: “De continuar así imos necesitar moita vivenda para satisfacer a demanda”, afirmou.
Nesta liña, puxo en valor a “ambiciosa, firme e histórica aposta” do Goberno galego por ofrecer solucións á falta de vivenda, cun plan que resulta de “enorme interese nunha comarca como esta, a de Maceda, onde todos os concellos atópanse por baixo dos 3.000 habitantes”.
O presidente provincial quixo destacar que ante a crise da vivenda “tamén os pequenos municipios afrontan un futuro moi incerto”, de aí a implicación da Deputación de Ourense, aínda que non sexa una competencia directa. Así, explicou, esta administración ten en marcha o Plan provincial de Vivenda, con axudas para adquisición, rehabilitación e mellora de pisos de titularidade municipal e destinadas ao alugueiro residencial en municipios de menos de 20.000 habitantes, pasará dos 1,2 millóns de euros este ano a 1,5 millóns en 2027.
Un incremento que servirá para financiar traballos de identificación de propiedades susceptibles de rehabilitación, recuperación ou reutilización, de modo que contribuiremos a revitalizar a contorna rural e a preservar o patrimonio construído.
As administracións gobernadas polo Partido Popular, engadiu, “demostramos que temos forza e ideas para transformar esta provincia e axudar aos nosos pequenos municipios, para que falar de vivenda tamén signifique emprego, riqueza e poboación”.
RELATORIOS E INICIATIVAS MUNICIPAIS NA COMARCA DE MACEDA
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP e presidente da xestora local, José Manuel Gil, agradeceu a elección de Maceda para celebrar unha xornada que cualificou como “exemplar” para coñecer polo miúdo o maior problema que hoxe afecta á sociedade. En Maceda, engadiu, o obxectivo do PP é facer un “cambio integral do PXOM, que axude a fixar poboación e dinamice o concello”.
No capítulo de relatorios da xornada, o coordinador da área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, Benito Iglesias destacou o impacto das axudas autonómicas de ata 15.000 euros para adquirir ou construír vivendas en municipios menores de 10.000 habitantes. Para que esta medida sexa efectiva, subliñou tamén a necesidade de impulsar o plan urbanístico de Maceda, garantindo así chan dispoñible e eliminando obstáculos burocráticos. Iglesias defendeu un urbanismo práctico, enfocado nas necesidades veciñais, que converta os plans técnicos en verdadeiras oportunidades habitacionais para as familias.
En tanto, a compañeira da área de Vivenda, Pilar Fernández, repasou as axudas dirixidas a facilitar o acceso á vivenda mediante a adquisición ou a autopromoción, o programa de avais, de rehabilitación e os plans dirixidos a concellos para rehabilitación de vivendas municipais, os fondos de cooperación ou a plataforma de chan.
Esta xornada incluíu como novidade a intervención dos alcaldes da comarca de Allariz-Maceda. Así, os rexedores de Paderne de Allariz, Esgos, Baños de Molgas e Xunqueira de Espadanedo -Manuel Pérez, José Antonio Blanco, Manuel Ángel Fernández e Pablo Graña, respectivamente- puxeron énfase nas actuación que, coa axuda da Xunta de Galicia e da Deputación, están executar para facilitar o acceso á vivenda e favorecer o asentamento de poboación nos seus municipios.