O PPdeG fixa como obxectivo ampliar o seu poder municipal na provincia de Ourense nas eleccións de 2027

OurenseXa
Os populares márcanse como obxectivos principais aumentar o número de alcaldías, recuperar a maioría absoluta na Deputación de Ourense e ser decisivos na capital
encontro-ppdepu
22 Jul 2026

O PPdeG reuniu este luns en Ourense á súa Xunta Directiva provincial para marcar a estratexia de cara ás eleccións municipais de 2027, unha cita na que a secretaria xeral do partido, Paula Prado, apelou á filosofía de “ir a por máis” e reclamou aos populares ourensáns un “plus” de esforzo para afrontar o próximo ciclo electoral.

Durante a reunión, Prado felicitou á recentemente designada candidata do PP á Alcaldía de Ourense, Ana Méndez Gil, presentada o pasado sábado en Santiago xunto ao resto de candidatos populares ás capitais de provincia españolas.

A dirección do partido puxo en valor as 54 alcaldías coas que conta actualmente o PP na provincia e marcou tres grandes obxectivos para os comicios de 2027: incrementar ese número de gobernos municipais, recuperar a maioría absoluta na Deputación de Ourense e converterse nunha forza decisiva no Concello da capital.

Para Paula Prado, a unidade do partido en provincias como Ourense é un dos factores que permiten gañar eleccións “con boa política, con estabilidade e cos pés postos no terreo”. Tamén advertiu da necesidade de estar preparados ante un posible adianto electoral a nivel estatal, ao considerar que “o señor Sánchez é quen vai decidir cando lle convén ir ás urnas. E de fronte tennos que atopar a nós. Ao Partido Popular. A única alternativa válida, sólida e unida”.

A secretaria xeral defendeu que o PPdeG continúa sendo a opción preferida pola maioría da cidadanía galega e asegurou que na provincia de Ourense ese respaldo é aínda maior. Como exemplo da acción do Goberno galego citou a licitación do último tramo da Rolda Leste, anunciada este mesmo luns polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cun investimento próximo aos 13 millóns de euros para mellorar a mobilidade da cidade e da súa contorna.

Prado contrapuxo esa xestión ás críticas que dirixiu aos seus adversarios políticos. Así, afirmou que os ourensáns non queren “nin espectáculos, nin minipartidos, nin o ‘non’ do BNG nin a corrupción do PSOE”. Tamén acusou ao BNG de actuar como socio do Goberno central e criticou a súa postura respecto á Valedoría do Pobo, ao considerar que pretende “boicotear” esta institución coa presentación dun candidato ao cargo de adxunto. Neste sentido advertiu que, se continúa o bloqueo, o PPdeG estudará outras vías para cubrir ese posto.

En relación co PSOE, Prado asegurou que “o que menos queremos para Galicia é a un partido coa corrupción no seu ADN. Porque a axenda xudicial das cloacas do PSOE está chea”.

A reunión coincidiu ademais co segundo aniversario de Luis Menor á fronte do PP provincial. O presidente dos populares de Ourense fixo balance deste período e destacou o traballo realizado na reorganización interna do partido, lembrando a celebración de 32 congresos locais e a creación de 16 xestoras, entre elas as aprobadas nesta xuntanza para Coles e Vilar de Barrio.

Menor insistiu en que os tres grandes retos para 2027 pasan por superar as actuais 54 alcaldías, recuperar o control da Deputación e lograr que o PP sexa decisivo na cidade de Ourense. Respecto á candidatura de Ana Méndez, pediulle que traballe para consolidar a unidade do partido na capital, confeccionar “a mellor lista de persoas verdadeiramente comprometidas” e presentar “o mellor proxecto de cidade”.

O líder provincial chamou tamén ao partido a afrontar esta nova etapa con “tesón e entrega” para conseguir que o PP siga sendo a forza máis votada tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Segundo asegurou, “gañar coas mellores porcentaxes de apoio supón un plus incontestable de lexitimidade”. Ao mesmo tempo, reivindicou que nos seus dous anos á fronte do partido demostraron “capacidade de xestión, renovación e dinamismo social”, aínda que advertiu de que “non hai tempo para o conformismo”.

Pola súa banda, Ana Méndez Gil aproveitou a súa intervención para reivindicar a súa candidatura á Alcaldía de Ourense. A popular afirmou que “Ourense merece moito máis. Merece un goberno que planifique e non improvise, que resolva os problemas da xente e que poña sempre a cidade por diante das escusas, do ruído, do espectáculo e dos intereses persoais”.

Méndez explicou que acepta este reto coa intención de “construír o futuro de Ourense” e abrir “unha nova etapa baseada na planificación, na ilusión e na confianza”. Ademais, asegurou que “creo nunha cidade orgullosa de si mesma, que recupere a ambición e volva ocupar o lugar que lle corresponde en Galicia. Vou deixarme a pel por Ourense porque estou convencida de que pode volver avanzar”.

A candidata pechou a súa intervención cun chamamento á unidade do Partido Popular para afrontar as próximas eleccións municipais. “Temos equipo, temos proxecto e temos a determinación necesaria para abrir unha nova etapa. Porque o futuro de Ourense non se espera, constrúese. E ese futuro empezamos a construílo hoxe, xuntos”, concluíu.

0.13247394561768