O PPdeG homenaxea a Miguel Ángel Blanco na Merca

OurenseXa
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o eurodeputado Adrián Vázquez participaron esta mañá nun acto de homenaxe no cemiterio de Faramontaos, onde repousan os restos do político vasco con raíces ourensás
O PPdeG homenaxea a Miguel Ángel Blanco na Merca
12 Xul 2024

O Partido Popular de Galicia conmemorou hoxe os 27 anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco reclamando memoria, dignidade e xustiza para “un vasco con profundas raíces galegas que se converteu nun símbolo da loita da sociedade por manter unha España máis democrática, unida, plural e libre do despropósito do terrorismo”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o eurodeputado Adrián Vázquez participaron esta mañá nun acto de homenaxe no cemiterio de Faramontaos (A Merca), onde repousan os restos do político vasco e ao que se uniron ademais o tío de Miguel Ángel Blanco, Aurelio Garrido, a tenente de alcalde do Concello da Merca, Josefina Carrera, deputados autonómicos e nacionais, senadores e outros representantes do partido na provincia de Ourense.

Un acto no que a número dous dos populares galegos definiu ao político asasinado por ETA como “un exemplo moral e de coraxe democrática” e reivindicou a “conciencia tranquila” do Partido Popular. “Nós estamos onde temos que estar. Os demais saberán o que fan e o rédito político que obteñen”, apuntou nesta liña.

Rexeitou así “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos de ETA e pretenden lexitimar a súa existencia” e asegurou non entender que haxa partidos galegos aliados cos “herdeiros da banda terrorista”.

“No Partido Popular non imos esquecer xamais a quen co seu exemplo moral e coraxe democrática perderon a vida defendendo a igualdade, a solidariedade e o dereito a discrepar”, concluíu na mesma liña que a tenente de alcalde da Merca, Josefina Carrera, quen sinalou que “os que o coñecemos non podemos deixar de choralo” e apelou ao recordo de “aquel crío co que xogabamos cando eramos cativos”.

0.19491195678711