O PPdeG lembra a Miguel Ángel Blanco na Merca no 29º aniversario do seu asasinato

GaliciaXa | OurenseXa
Paula Prado participou nos actos organizados na localidade natal do político e reivindicou o seu legado na defensa da democracia e a liberdade
homenaxe-miguel-angel-blanco-a-merca
11 Jul 2026

O PPdeG lembrou este sábado a Miguel Ángel Blanco no 29º aniversario do seu asasinato a mans da banda terrorista ETA. A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, participou nos actos de homenaxe organizados polo Concello da Merca, localidade natal do que foi concelleiro do PP de Ermua, xunto ao alcalde, José Manuel Garrido, e á secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas.

A conmemoración incluíu unha misa solemne na igrexa parroquial de San Xes de Faramontaos e unha ofrenda floral na que se rendeu homenaxe á figura de Miguel Ángel Blanco e á súa defensa “dos valores da democracia e da liberdade” fronte aos “radicalismos” e as súas “terribles consecuencias”.

Durante o acto, Paula Prado destacou o compromiso do PPdeG con manter vivo “o legado de quen nos deixou un exemplo moral e de coraxe democrático”, e lembrou que Miguel Ángel Blanco deixou a súa vida “por defender as liberdades”.

A secretaria xeral dos populares galegos tamén criticou os partidos que, segundo afirmou, “esquecen” o significado da banda terrorista ETA, á que atribuíu o asasinato de 68 galegos. Neste sentido, lamentou que a esquerda pacte con partidos como Bildu, aos que cualificou como “herdeiros de quen sementou o terror no noso país e arrincou liberdades”, e reclamou que se esixa un perdón ás vítimas e ás súas familias.

“Non entendemos como hai partidos galegos, como o BNG, aliados con herdeiros de ETA e mesmo asesorados por eles”, afirmou Prado, que reiterou o seu rexeitamento a “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”.

A representante do PPdeG engadiu que, ao seu xuízo, tampouco deberían existir acordos deste tipo por parte do PSOE e do BNG, xa que considera que “non hai nada que falar ata que non pidan perdón e non axuden a esclarecer todos os crimes”.

0.12237310409546