O PPdeG pide eliminar a cita previa obrigatoria na Seguridade Social e reforzar a atención presencial no rural

GaliciaXa | OurenseXa
Os populares denuncian en lugares como Celanova o Goberno central non aplicou aínda o mandato do Congreso e propoñen un prazo máximo de dez días hábiles para obter cita nos trámites esenciais
pp-sanidade-celanova
11 Aug 2026

O PPdeG reclamou este martes ao Goberno de Pedro Sánchez que elimine a obrigatoriedade da cita previa nas oficinas da Seguridade Social situadas nas zonas rurais e garanta unha atención presencial directa e accesible para a cidadanía, ao considerar que esta esixencia está a xerar desigualdades entre territorios.

A deputada nacional Ana Vázquez e o senador Francisco José Fernández trasladaron esta petición en Celanova, acompañados pola secretaria da xestora local do PP, Ana Antorrena, ante unha das oficinas da Seguridade Social da vila nas que se mantén a obrigatoriedade de solicitar cita con anterioridade.

Os representantes populares criticaron que o Goberno central continúe sen aplicar o mandato aprobado polo Congreso dos Deputados o pasado 28 de maio. Nesa data, a Cámara deu luz verde, con 186 votos a favor e 159 abstencións, a unha Proposición non de lei presentada polo Grupo Popular para que a cita previa deixe de ser un requisito exclusivo para acceder ás oficinas da Administración Xeral do Estado.

“Pasaron máis de dous meses dende que o Congreso lle ordenou ao Goberno central garantir unha atención presencial con ou sen cita previa, pero nada cambiou”, sinalaron. Como exemplo, apuntaron que a páxina oficial da Seguridade Social continúa informando de que no centro comarcal do Instituto Nacional da Seguridade Social de Celanova a atención se realiza con “cita previa obrigatoria”.

O PPdeG considera que esta situación ten unha especial incidencia en Ourense, debido ao envellecemento da poboación, á dispersión territorial e ao peso do medio rural. “Non se pode obrigar a unha persoa maior a realizar por internet os trámites para solicitar unha pensión, unha prestación de viuvez ou unha incapacidade. A Administración ten que estar ao servizo dos cidadáns e non converterse nun labirinto que os deixa desamparados”, afirmaron.

Ante a falta de resposta que denuncian por parte do Executivo, o Grupo Parlamentario Popular presentou unha nova Proposición non de lei centrada especificamente na atención do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

A iniciativa propón eliminar o carácter obrigatorio e xeralizado da cita previa e permitir que a cidadanía poida acudir directamente ás oficinas. A reserva previa manteríase como unha alternativa voluntaria para quen prefira fixar con antelación o día e a hora da atención.

O PP propón tamén que se estableza un prazo máximo de dez días hábiles para conseguir cita nos trámites considerados esenciais. Entre eles figuran as solicitudes de pensións de xubilación, incapacidade permanente, viuvez e orfandade, así como as prestacións por nacemento e coidado de menores.

A proposta inclúe ademais a creación de canles de atención prioritaria para colectivos vulnerables, como as persoas maiores de 65 anos, as persoas con discapacidade e os residentes en municipios rurais. Nestes casos, segundo os populares, deberá asegurarse a atención presencial sen que sexa necesario realizar previamente ningún trámite por vía telemática.

O documento reclama tamén cubrir de maneira inmediata as vacantes existentes nos cadros de persoal da Seguridade Social e aprobar unha oferta extraordinaria de emprego público para recuperar os niveis de atención anteriores á pandemia.

Ana Vázquez referiuse tamén ás preguntas parlamentarias que formulou o pasado 28 de abril, xunto con outros deputados do Grupo Popular, para coñecer a situación das prestacións da Seguridade Social na provincia desde 2017.

En concreto, solicitaran información sobre os tempos medios de resolución das diferentes prestacións, os prazos para o recoñecemento do complemento por fenda de xénero ou maternidade e o número de expedientes que permanecían pendentes de resolución.

Segundo explicou Vázquez, a resposta recibida o 10 de xuño non achegou os datos específicos solicitados para Ourense e limitouse a reproducir os prazos máximos establecidos legalmente: 90 días para as pensións de xubilación, 135 para as prestacións de incapacidade permanente, 90 para as de viuvez e supervivencia, 30 para incapacidade temporal e maternidade e seis meses para o ingreso mínimo vital.

“O Goberno non respondeu a unha soa das preguntas formuladas nin explicou cantos ourensáns están esperando pola resolución dos seus expedientes. Esa opacidade confirma a súa falta de interese por solucionar un problema que afecta directamente a pensionistas, familias, autónomos e traballadores”, criticou a deputada.

Pola súa banda, Francisco José Fernández defendeu a necesidade de reforzar os cadros de persoal da Seguridade Social para conseguir unha atención pública máis áxil e eficaz. Ana Antorrena incidiu nas dificultades que a cita previa está provocando entre os veciños de Celanova e da súa contorna, especialmente entre as persoas maiores e as residentes nos municipios rurais da comarca.

Os representantes do PPdeG insistiron finalmente en que a dixitalización debe facilitar a relación coa Administración e non converterse nunha barreira para as persoas que non dispoñen dos medios ou dos coñecementos necesarios para realizar trámites por internet.

“A cita previa pode seguir existindo como instrumento voluntario de organización, pero non pode ser unha porta pechada. Os cidadáns teñen dereito a ser atendidos e o Goberno ten a obriga de poñer os medios humanos e materiais necesarios para facelo posible”, concluíron.

0.13532900810242