O PPdeG urxe maior oferta e seguridade xurídica en política de vivenda

GaliciaXa | OurenseXa
A secretaria xeral, Paula Prado; o presidente provincial, Luis Menor, e a secretaria da Xunta Xestora local, Ana Fernández participaron nunha xornada informativa con 200 persoas
paula-prado-celanova-vivenda
6 Jun 2026

O PPdeG reivindica as medidas “efectivas, pragmáticas e reais” en materia de vivenda que executa o Goberno autonómico, subliñando que esta é “a principal preocupación de galegos e galegas”. Pola contra, os populares critican o Plan Estatal de Vivenda “do Goberno que máis dano lle ten causado a Galicia” e urxen maior oferta e seguridade xurídica afeando cuestións como a financiación insuficiente e a falta de consenso coas comunidades autónomas por parte de Sánchez.

Así o manifestaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, acompañados pola secretaria da Xunta Xestora do PP local, Ana Fernández, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Celanova, cuns 200 asistentes, para tratar o problema do acceso á vivenda. É a sexta xornada organizada pola área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, que xa fixo parada en Ourense, Barbadás, Xinzo de Limia, Verín e O Carballiño.

Prado lembrou un dos compromisos da campaña e gran obxectivo da lexislatura de Alfonso Rueda á fronte do Goberno galego: duplicar o número de vivendas públicas, pasando de 4.000 a 8.000 en toda Galicia. Neste sentido, sinalou que en 2026 entregaranse os primeiros fogares deste plan.

Ademais, destacou que o Executivo autonómico destinou un orzamento “histórico” en materia de vivenda neste 2026, con 350 millóns de euros e un plan de acción que inclúe novas modificacións lexislativas, tributarias e fiscais para incentivar e favorecer a construción de nova vivenda.

Fronte a estas medidas, a número dous dos populares galegos criticou a “inseguridade xurídica que provoca unha lei estatal de vivenda desastrosa, que pensa máis nos okupas que nos propietarios”.

Tamén puxo en valor o desenvolvemento do solo que desenvolve o goberno do presidente Alfonso Rueda para a construción de 25.000 novas vivendas, para facilitar o labor de promotores e cooperativas; así como o programa Fogar Vivo para mobilizar vivendas baleiras.

“Falamos de medidas reais, de garantías xurídicas, de pensar nos galegos e galegas por moito que lle pese á oposición”, subliñou a secretaria xeral do PPdeG, que criticou que o PSdeG defenda “a cegas” o Plan Estatal de Vivenda e que o BNG sexa “cómplice e socio do Goberno sanchista, a cambio de nada para Galicia”.

“Sánchez e os seus están máis ocupados nas súas leas internas e nos casos de corrupción que lle van aflorando día tras día”, dixo Prado, que cualificou o modelo do Goberno de Sánchez como “unha política de confrontación baleira que leva oito anos facendo da vivenda un luxo”. “Queremos menos impostos, máis oferta e máis seguridade xurídica”, engadiu.

LUIS MENOR: “É UN OBSTÁCULO PARA O CRECEMENTO ECONÓMICO”

Luis Menor advertiu que non se pode cometer o erro de analizar a falta de vivenda unicamente como unha crise habitacional, asegurando que tamén é “un terrible obstáculo para o crecemento económico de calquera territorio, tamén no rural”.

Neste sentido, puxo o foco no incremento da poboación na provincia de Ourense desde hai catro anos, achegándose na actualidade aos 307.000 habitantes, dos que case 10.000 son novos veciños, na súa maioría migrantes, “básicos no noso esquema laboral e aos que temos que ofrecer alternativas dignas para residir”.

Fronte a esta realidade “cun Goberno central que só xera problemas coas súas erradas leis”, o presidente provincial defendeu que os compromisos do PP alí onde goberna son realidades. Ademais das “valentes medidas” do presidente Alfonso Rueda, puxo en valor as iniciativas postas en marcha na Deputación de Ourense, que pese a non ter competencias directas en vivenda, “non mira cara a outro lado”.

Citou iniciativas como o primeiro Plan Provincial de Vivenda, que este ano case triplicou a súa dotación con 1,2 millóns de euros para rehabilitación de inmobles, ou a entrega esta mesma semana de tres vivendas na estación de Vilavella, no marco do proxecto Estacións Vivas. “O Partido Popular ten alternativas para contribuír a facer máis accesible a vivenda a calquera cidadán”, concluíu.

ANA FERNÁNDEZ URXE DISPOÑER DE NORMAS URBANÍSTICAS

Por outra banda, Ana Fernández sinalou a “necesidade prioritaria” de contar cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en Celanova, xa que a vila leva máis de tres décadas sen actualizar a súa ordenación urbanística. Así, sinalou a “urxencia” de dispoñer de normas que faciliten máis solo urbanizable, máis vivenda protexida, maior seguridade xurídica, máis rebaixas fiscais e menos burocracia. Neste sentido, anunciou que levarán no seu programa das eleccións municipais a posta a disposición do Goberno autonómico de solo público para vivendas de protección oficial.

O coordinador da área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, Benito Iglesias, puxo o foco sobre dous factores clave para fixar poboación: a vivenda e o emprego. Destacou que os traballadores estranxeiros representan xa o 7 % do total de autónomos na provincia. De aí, dixo, que adquira relevancia a nova liñas de axudas da Xunta para rehabilitar vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes, vinculando estas achegas á contratación de traballadores en empresas galegas.

A concelleira ourensá e membro da área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, Sonia Ogando, referiuse á falida Lei estatal de Vivenda e ás reformas posteriores que non aportan seguridade xurídica aos propietarios: “Todo o contrario, beneficia a aqueles que se sitúan á marxe da lei”. Para Ogando, o Goberno central “fai un uso electoralista da vivenda, con improvisacións lexislativas por riba de solucións”. Ademais, citou unha fórmula que medrou notablemente en Galicia fronte a “inquiokupación” e okupación: os seguros de impago.

Como en xornadas anteriores, a responsable territorial do Goberno galego en materia de vivenda en Ourense e membro da área de Vivenda e Urbanismo do PP de Ourense, Pilar Fernández, detallou as axudas do Goberno galego nesta materia, entre as que destacou dous programas con moi boa acollida: Fogar Vivo, o plan de rehabilitación en municipios de menos de 5.000 habitantes, as axudas á mocidade para mercar vivendas e os programas para rehabilitar inmobles municipais.

0.12070512771606