O programa “A Administración preto de ti” achégase a AODEMPER

OurenseXa
O subdelegado do Goberno destacou durante a xornada o compromiso do Goberno cunha administración “accesible, próxima e inclusiva”
eladio-santos-aodemper
13 May 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este xoves que a xornada do programa “A Administración preto de ti”, celebrada na sede da Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER), é un exemplo do compromiso do Goberno cunha administración “accesible, próxima e inclusiva”.

Acompañado pola presidenta da entidade, Susana Fernández, o subdelegado participou na apertura dunha nova sesión desta iniciativa, impulsada polas Delegacións e Subdelegacións do Goberno e posta en marcha en novembro de 2022. O programa ten como obxectivo facilitar o acceso aos servizos da Administración Xeral do Estado en municipios sen oficinas físicas e tamén en entidades sociais que o solicitan, como é o caso de AODEMPER.

Durante a xornada, persoal da Subdelegación do Goberno en Ourense encargouse de emitir certificados dixitais da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e de ofrecer atención personalizada sobre o uso da administración electrónica. As persoas participantes recibiron información sobre trámites en liña vinculados a distintos servizos públicos, como o Catastro, a Dirección Xeral de Tráfico ou a Axencia Tributaria.

Eladio Santos subliñou que este programa do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática está a consolidarse como unha ferramenta útil para “achegar recursos e trámites a todas as persoas”. Neste sentido, puxo o foco na utilidade do certificado dixital para persoas con problemas de mobilidade, ao permitir realizar xestións administrativas sen desprazamentos. Por iso, animou a outras asociacións e colectivos a solicitar esta iniciativa.

En canto á súa implantación na provincia, “A Administración preto de ti” atendeu 605 persoas ao longo de 2025, a maioría en concellos de menos de 8.000 habitantes, mentres que o resto correspondeu a colectivos sociais. No que vai de ano, o programa sumou 331 participantes, repartidos entre municipios e entidades sociais.

0.13226318359375