O programa ‘A Administración preto de ti’ chegará este ano a todos os concellos ourensáns de menos de 8.000 habitantes

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañou este xoves a funcionarios da Subdelegación ata o Concello da Mezquita, onde se levou a cabo unha nova sesión informativa dentro do programa “A Administración Preto de Ti”.
Esta iniciativa naceu a finais de 2022 co obxectivo de achegar aos veciños e veciñas dos municipios de menos de 8.000 habitantes información sinxela e moi práctica sobre o certificado dixital e a chave permanente, os trámites que se poden realizar con cada un deles e, deste xeito, as vantaxes da administración electrónica. Así, nestas sesións, impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno, tramítaselle aos asistentes o Certificado Dixital da FNMT e ensínaselles a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administración.
Na súa primeira fase, “A Administración Preto de Ti” chegou aos 86 concellos da provincia destinatarios desta iniciativa, participando nas sesións un total de 2.317 ourensáns, para os que se expediron 1.532 certificados electrónicos de persoa física e 1.120 chaves permanentes.
Co comezo da segunda fase, o programa está a realizar de novo visitas a todos os municipios. De feito, xa chegou en febreiro a Esgos, Maceda e Castro Caldelas; e está previsto que neste mes de marzo visite, ademais da Mezquita, os Concellos de Amoeiro, Riós e Cenlle; para continuar nos seguintes meses ata completar todas as localidades ourensás de menos de 8.000 habitantes.
Durante a sesión na Mezquita, o subdelegado do Goberno destacou que “o obxectivo do Goberno é chegar a onde non se chega habitualmente, estar no territorio, permitir que o mundo rural estea conectado coa Administración Xeral do Estado. Porque o rural é importante. Aínda que sexa pouca xente a que vive no rural, o Goberno ten o compromiso de chegar a todos eles”.
Colaboración coa Seguridade Social e o SEPE
Co obxectivo de ampliar a o servizo ao cidadán que ofrece o programa “A Administración Preto de Ti” nesta segunda fase, a Subdelegación do Goberno mantivo encontros cos responsables na provincia do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) coa finalidade de complementar a iniciativa cunha sesión informativa a maiores, impartida por funcionarios destes tres organismos, para dar a coñecer entre os veciños e veciñas os servizos que xeran maior interese na cidadanía, como son as prestacións e subsidios por desemprego, os requisitos e trámites precisos para acceder á xubilación, informe de vida laboral e cotizacións, realización de xestións a través da sede electrónica, entre outros. Tralo acordo acadado, nas vindeiras semanas darán comezo estas novas visitas.
Ademais, tamén está previsto que se sume a este proxecto a Xefatura Provincial de Tráfico en Ourense, así como estender o programa a outros colectivos como son os comerciantes, autónomos, estudantes, persoas en risco de exclusión social, sindicatos, centros xerontolóxicos ou colectivos agrarios, entre outros.
Temas de interese para o municipio
O subdelegado aproveitou a visita ao Concello da Mezquita para tratar co seu rexedor, Rafael Pérez, temas de interese para o municipio.
Entre os asuntos abordados atopouse a achega realizada polo Goberno central para o servizo de axuda no fogar, para o que este concello recibiu máis de 141.000 euros, xunto a outros 16.800 euros para servizos sociais comunitarios municipais.
Así mesmo, dentro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, A Mezquita recibiu preto de 1.700 euros para actividades encamiñadas á loita contra esta problemática; e, procedentes de axudas concedidas pola Secretaría Xeral de Igualdade, 14.250 euros para programas de promoción da igualdade, así como 67.000 euros para apoio ao centro de información á muller, que engloba os municipios da Gudiña, Riós e A Mezquita.
Por último tamén trataron o estado das inversións vencelladas coa conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, para as que o municipio recibiu case 30.000 euros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia.