O programa “Cada vimbio conta” pon fin cunha xornada centrada na cooperación entre museos da provincia

OurenseXa
A xornada final en Trasalba marca a clausura dun proceso de traballo colaborativo entre a Deputación, a UVigo e os museos da provincia, centrado en compartir experiencias, identificar retos comúns e fortalecer as redes culturais en Ourense
cada-vimbio-conta-amoeiro
22 May 2026

A Deputación de Ourense celebrou este mércores a xornada de clausura do programa “Cada vimbio conta. Coñecernos para conectarnos”, unha iniciativa orientada a reforzar a colaboración entre espazos museísticos, etnográficos e expositivos da provincia e a impulsar novas dinámicas de traballo conxunto arredor do patrimonio cultural.

O encontro final tivo lugar na Casa Museo Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro), pertencente á rede de espazos culturais vinculados ao legado do escritor, e serviu como peche dun proceso desenvolvido ao longo de varias semanas con participación de profesionais e responsables de distintos centros culturais ourensáns.

O programa foi impulsado pola Deputación de Ourense, coa colaboración da Universidade de Vigo, encargada do deseño metodolóxico e da execución técnica da iniciativa, así como do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e do Museo do Pobo Galego, entidades de referencia no estudo e difusión do patrimonio cultural galego.

Ao longo do programa realizáronse sesións en diferentes puntos da provincia, entre eles Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives, co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias, o coñecemento mutuo entre centros e a identificación de retos comúns dentro do ecosistema museístico ourensán.

Desde a organización valórase positivamente esta primeira fase de traballo, na que se puxeron en común necesidades e oportunidades, e na que se evidenciou a vontade de avanzar cara a modelos de cooperación máis estables entre institucións culturais.

Entre os aspectos destacados figuran a diversidade do patrimonio museístico da provincia e a necesidade de reforzar a súa dinamización e visibilidade, así como de consolidar redes de colaboración que melloren a sustentabilidade dos distintos espazos.

As sesións combináronse con visitas aos centros anfitrións, presentacións de experiencias e dinámicas participativas, ademais da achega de especialistas externos con experiencia en redes museísticas, que contribuíron a enriquecer o debate con novas perspectivas.

A Deputación de Ourense subliña que este programa supón un punto de partida dentro dunha estratexia máis ampla para fortalecer o tecido cultural da provincia e promover a cooperación entre os seus espazos museísticos.

A xornada de clausura permitiu tamén recoller conclusións e aprendizaxes do proceso e coñecer experiencias de referencia no traballo en rede, pechando así unha etapa que abre novas posibilidades de colaboración no ámbito do patrimonio cultural ourensán.

0.13311100006104