O programa Concilia Verán arrancou en Allariz con 130 prazas para favorecer a conciliación familiar

O Concello de Allariz puxo en marcha a pasada semana unha nova edición do programa Concilia Verán, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares a través de actividades lúdicas e educativas.
As crianzas comezaron a programación con paseos polo municipio e dinámicas para coñecerse e facer novas amizades e participaron nun obradoiro de primeiros auxilios impartido por persoal do SERGAS, no que aprenderon, mediante xogos e actividades adaptadas á súa idade, nocións básicas para coidarse e axudar aos demais.
Nesta edición, o programa ofrece un total de 130 prazas, das que 80 corresponden ao mes de xullo e 50 ao de agosto. Está dirixido a nenos e nenas escolarizados desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Con esta iniciativa, o Concello de Allariz reforza un ano máis os recursos de conciliación estival, combinando o lecer, a aprendizaxe e a convivencia nun ambiente seguro e adaptado ás necesidades das familias.