O programa Concilia Verán ofrecerá ducias de actividades infantís en Ourense durante as vacacións

A Concellería de Educación do Concello de Ourense poñerá en marcha este venres, 8 de maio, ás 10.00 horas, o proceso de inscrición para o programa municipal Concilia Verán 2026, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares.
O programa inclúe unha variada oferta de actividades pensadas para nenos e nenas da cidade, entre as que se atopan propostas de informática, educación artística, psicomotricidade, contacto coa natureza ou reforzo educativo. Con elas búscase non só ocupar o tempo libre do período estival, senón tamén fomentar a socialización, o traballo en equipo e valores como a convivencia, a solidariedade e o respecto polo medio ambiente.
As actividades desenvolveranse nun total de 16 espazos distribuídos polo municipio. Entre eles figuran nove centros educativos —Amadeo Rodríguez Barroso, Prácticas, As Mercedes, O Couto (unidade de Sás), Covadonga (unidade de Eiroás), Hermanos Villar, Manuel Luis Acuña, Mestre Vide e Vistahermosa— ademais do campus universitario, a Aula da Natureza de Oira, a Escola de Música e o seu edificio anexo, o centro cívico da rúa Colón e, como novidade nesta edición, tamén as localidades de Seixalbo e Beiro.
O servizo contará con opción de acollida temperá para as familias que o precisen. Así mesmo, catro dos centros —Prácticas, As Mercedes, Manuel Luis Acuña e Vistahermosa— disporán de atención específica para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
Para participar será requisito que os menores estean empadroados no municipio xunto con, polo menos, un dos seus titores. A inscrición deberá realizarse exclusivamente de forma telemática a través da web municipal de actividades, nun prazo que permanecerá aberto desde o 8 de maio ás 10.00 horas ata o 26 de maio ás 08.30 horas.
O calendario do proceso continuará coa publicación das listaxes provisionais o 4 de xuño ás 10.00 horas, mentres que as listas definitivas daranse a coñecer o 10 de xuño á mesma hora. Posteriormente, o período de matrícula estará aberto ata o 16 de xuño ás 14.00 horas. O custo do programa será de 10 euros por matrícula, cunha redución do 50 % no caso de irmáns inscritos.