O programa provincial BenOurense de cooperación social supera por primeira vez os 2 millóns de euros

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres os programas anuais de cooperación social BenOurense, dirixidos aos 91 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes, que por primeira vez superan os 2 millóns de euros de orzamento.
Estas liñas de axuda permiten o cofinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que concentra máis de 1,5 millóns de euros, os Puntos de Atención á Infancia (PAI), con 150.000 euros, os servizos complementarios de atención a menores, tamén con 150.000 euros, e os equipos técnicos multidisciplinares de servizos sociais comunitarios, dotados con 300.000 euros.
No relativo ao SAF, o programa de 2026 introduce un novo modelo de xestión orientado á simplificación administrativa e ao uso de ferramentas tecnolóxicas e de intelixencia artificial para a validación e control das prestacións. A xustificación das axudas realizarase a partir das horas efectivamente prestadas, cun custo de referencia fixado en 19 euros por hora, e permitirase ademais cubrir ata un 35% da achega con outros custos asociados ao servizo. Segundo a Deputación, o obxectivo é reducir a carga burocrática dos concellos e mellorar a eficiencia na xestión dos servizos sociais municipais.
En materia de infancia, o programa PAI diríxese a concellos de menos de 5.000 habitantes e financia centros para nenos de 3 meses a 3 anos, con axudas para persoal e mantemento. O programa de servizos complementarios de atención á infancia, pola súa parte, está orientado á conciliación familiar para nenos de 3 a 12 anos, tanto en período escolar como en vacacións.
Tamén se aprobou o programa de equipos multidisciplinares de servizos sociais, destinado a financiar persoal técnico nos concellos e mancomunidades de menor tamaño.
No ámbito económico, o Pleno deu luz verde a un acordo de non dispoñibilidade de crédito no marco do plan económico-financeiro 2025-2026, que supón a retención de algo máis de 3,5 millóns de euros en gastos de persoal para garantir o cumprimento das regras fiscais.
Ademais, aprobouse unha modificación de crédito do Consorcio contra Incendios e Salvamento, por importe de 466.200 euros, destinada á incorporación de 17 novos bombeiros, á adquisición de equipamento, á renovación de material e á adaptación dos parques comarcais.
No capítulo de mocións, aprobáronse tres iniciativas. A primeira reclama á Xunta de Galicia o pagamento áxil das axudas habilitadas tras os lumes do verán, co obxectivo de garantir que cheguen con rapidez ás persoas afectadas.
A segunda pide ao Goberno de España a flexibilización e revisión dos criterios do proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes, así como a ampliación de prazos, o reforzo de persoal e medios técnicos e unha mellor información e acompañamento aos solicitantes.
A terceira moción solicita o apoio institucional á sanidade pública e aos hospitais comarcais, pide cubrir as vacantes de especialistas no Hospital de Verín —especialmente en cardioloxía—, recuperar servizos como o HADO e a Unidade da Dor, e reforzar a atención presencial. Tamén reclama un plan específico para garantir a cobertura estable de especialidades nos hospitais comarcais e outro para reforzar a atención primaria no rural.