O PSdeG acusa á Deputación de beneficiar aos concellos gobernados polo PP no reparto de fondos

OurenseXa
Critican que a modificación de crédito que será levada ao próximo pleno contempla a un investimento provincial por habitante nos concellos gobernados polo PP de 103,61 euros, fronte aos 35,53 euros por veciño nos concellos gobernados polo PSdeG-PSOE
psoe-ourense-roda-de-prensa
28 Apr 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense acusa ao Partido Popular de “volver ás vellas lóxicas” na distribución dos fondos provinciais tras a modificación de crédito que se levará ao próximo pleno, e que, segundo sinalan, supón un cambio de criterio respecto aos acordos iniciais do mandato.

Segundo a análise realizada polo grupo socialista a partir dos datos da propia modificación e do padrón municipal —excluíndo o Concello de Ourense capital por superar os 20.000 habitantes—, o investimento provincial por habitante acadaría diferenzas significativas en función do signo político dos gobernos locais. Así, nos concellos gobernados polo PP sitúase en 103,61 euros por veciño, fronte aos 35,53 euros nos municipios con alcaldías do PSdeG-PSOE. “Con poboacións case idénticas, a diferenza é de case o triplo”, subliñou o secretario provincial socialista, Álvaro Vila.

Os socialistas sinalan que a modificación de crédito, que ascende a uns 13 millóns de euros, divide os recursos destinados aos concellos en dous bloques: 5 millóns repártense con criterios considerados obxectivos, mentres que os 8 millóns restantes se asignan de forma discrecional.

A vicepresidenta Marta Nóvoa explicara na comisión informativa do 22 de abril que unha parte dos fondos se distribúe sen baremos públicos nin concorrencia. Porén, neste sentido, Vila lembra que “ao principio deste mandato chegamos a un acordo para repartir a meirande parte dos fondos con criterios obxectivos e de aí a aprobación do Plan CooperOu. Nesta modificación volvemos ao punto de partida, a como se facía antes”.

Os socialistas consideran que este cambio supón abandonar os criterios pactados ao inicio do mandato —como poboación, dispersión, envellecemento ou superficie— que sustentan o Plan CooperOU. “Volvemos á liña de saída, de como se facía anteriormente. E agora temos os datos que o demostran”, afirmou Vila.

O grupo socialista apunta tamén que os investimentos derivados desta modificación se executarán nos próximos meses, coincidindo coa proximidade das eleccións municipais de 2027. Ao seu xuízo, “É un xesto aos alcaldes do PP para que poidan executar investimentos visibles para a veciñanza antes das eleccións”.

Malia as críticas, o GPS avanzou que se abstendrá no pleno de forma construtiva, “para non bloquear uns fondos que en calquera caso deben chegar aos concellos”, ao tempo que solicitará información detallada sobre os criterios empregados na asignación dos recursos.

No mesmo pleno do 29 de abril, o Grupo Provincial Socialista levará dúas mocións consideradas de urxencia social.

A primeira propón a creación dun Sistema Provincial Unificado de Emerxencias cun mando único que integre os servizos de bombeiros comarcais e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais. O obxectivo, segundo o GPS, é corrixir unha situación de “ambigüidade xurídica e laboral” que afecta ao persoal e mellorar a coordinación nun contexto no que a provincia aínda carece dun plan de emerxencias propio un ano despois dos incendios do verán de 2025.

A segunda iniciativa reclama reforzar a atención sanitaria na comarca de Valdeorras coa creación dunha praza estable de pneumoloxía no hospital comarcal para atender os enfermos de silicose. Os socialistas lembran que Valdeorras é a zona con maior incidencia desta enfermidade en España, nun territorio que concentra arredor do 70% da produción de lousa, e que os afectados levan máis dun ano mobilizándose con concentracións semanais diante do centro hospitalario.

0.12076306343079