O PSdeG acusa ao PP de Maceda de querer desmantelar o servizo de pediatría de Maceda

OurenseXa
Carmen R. Dacosta destaca que Maceda “é un concello paradigma dos recortes do PP en pediatría” e fai fincapé na situación “caótica” do servizo pediátrico e da sanidade na provincia
PSDEG_PSOE_Maceda
PSDEG_PSOE_Maceda
24 ene 2024

O PSdeG-PSOE denuncia en Maceda un novo episodio de recortes “masivos” e de desmantelamento sanitario no servizo de pediatría deste municipio. Os e as socialistas critican que a atención pediátrica no centro de saúde da vila quedou reducida a tres días a semana e a tan só unha hora e media neses días, debido a que a pediatra debe desprazarse ata Xinzo de Limia para atender tamén o servizo pediátrico deste centro sanitario.

Dende o PSOE ourensán afirman que Alfonso Rueda e o Partido Popular teñen un plan “maquiavélico” para rematar coa sanidade pública na provincia de Ourense e por en marcha un modelo de “privatización” dos servizos sanitarios. En Maceda, os recortes en pediatría afectan a máis de 300 nenos e nenas do municipio e de concellos da contorna como Xunqueira de Espadanedo, Paderne ou Baños de Molgas.

A alcaldesa de Maceda, a socialista Uxía Oviedo De Dios, afirma que o municipio “está sendo vítima dos recortes da Xunta de Galicia en materia sanitaria” e critica a redución de horas de atención pediátrica, afirmando que “é un sistema totalmente inoperativo e que está provocando que as familias non teñan un servizo pediátrico de calidade”. Unha situación que en palabras da rexedora “está creando desigualdades entre as familias que teñen un bo poder adquisitivo para poder pagar un pediatra de pago e as que non o teñen e deben pasar longas horas de agarda nas urxencias de Ourense”.

“Preguntámonos se os rapaces só se poñen enfermos tres días a semana en horario de 8:30 a 10:30”, sinala Uxía Oviedo. A alcaldesa afirma que a Xunta de Galicia “ten que tomar unha decisión inminente porque está xogando coa sanidade e a saúde dos galegos e as galegas, pero especialmente dos máis cativos e cativas”.

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que Maceda “é un concello paradigma dos recortes do PP en pediatría” e fai fincapé na situación “caótica” do servizo pediátrico e da sanidade na provincia. A cabeza de lista dos socialistas de Ourense nas autonómicas do 18 de febreiro apunta a que “un servizo pediátrico de unha hora e media, tres días a semana é totalmente insuficiente porque as crianzas póñense enfermas a tódalas horas do día”.

Rodríguez Dacosta afirma que o PP “segue desmantelando a sanidade pública e por iso da man do noso candidato, José Ramón Gómez Besteiro acabaremos con esta situación de interinidade e desleixo cara a atención primaria, coa incorporación de novos profesionais”. A futura parlamentaria socialista destaca tamén que as crianzas da provincia “necesitan unha atención digna e de calidade” e alerta de que o PP “quere privatizar a pediatría para que os pais e nais teñan que levalos a un centro privado ou as urxencias hospitalarias, que acaban saturadas por mor do colapso da atención primaria e pediátrica”.

Nesta mesma liña, pronúnciase o candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, que afirma que os e as socialistas “somos a caravana antiderrubo da sanidade pública que está levando a cabo o PP”. Neste senso o número 2 da candidatura do PSOE ourensán subliña que os populares “pretenden destruír o rural a base de recortes sanitarios” e apunta a que o PP “ten que entender que este non é un tema menor e que non podemos seguir nesta situación de precarización”.

“Os e as socialistas temos unha forma diferente de entender os servizos públicos e por iso da man de José Ramón Gómez Besteiro poremos en marcha un plan integral para solucionar os problemas sanitarios na provincia”, sinala Gómez Pérez. O candidato socialista tamén fai fincapé en que a veciñanza do rural “ten que saber que hai unha alternativa ao PP e que non pasa nada porque despois de 15 anos se aposte por unha alternativa encabezada polo PSdeG-PSOE e que suporá que as súas vidas sexan moito mellores”.