O PSdeG acusa ao PP de querer converter o o Hospital de Valdeorras nun centro de saúde

Carmen R. Dacosta denuncia “un plan integral do Goberno do PP para o desmantelamento do Hospital Comarcal de Valdeorras”, que obriga aos pacientes a desprazarse a Ourense.
PSdeG_PSOE_Barco_Valdeorras
PSdeG_PSOE_Barco_Valdeorras
25 Xan 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia no Barco o plan “premeditado” do Partido Popular, con Alfonso Rueda á cabeza, para converter o Hospital Comarcal de Valdeorras nun “sinxelo centro de saúde”. Os e as socialistas critican os “recortes atroces” levados a cabo polos populares, amais do desmantelamento de servizos sanitarios, que se viron “brutalmente” reducidos nos últimos anos, obrigando aos pacientes a desprazarse a Ourense.

“O goberno do PP puxo en marcha un plan integral de desmantelamento deste hospital para convertelo nun centro de saúde, nun ambulatorio, multiplicando as derivacións cara Ourense, xa sexa para operacións cirúrxicas como para unha atención especializada”, destaca a cabeza de lista socialista nas eleccións autonómicas na provincia, Carmen Rodríguez Dacosta, tras reunirse coa xunta de persoal do establecemento sanitario.

Dende o PSdeG-PSOE sinalan que “non hai data para a incorporación de especialistas e o hospital sempre está en precario, xa que o PP non ten intención na estabilización do persoal”. Cabe destacar neste senso a ausencia de servizo de hematoloxía, dermatoloxía, reumatoloxía ou o minguado no servizo de oftalmoloxía, que leva un ano co persoal ao 50%, ao que hai que engadir toda unha serie de recortes noutros servizos, “o que repercute nas listas de agarda e na atención de patoloxías graves e de seguimento”, afirmou Rodríguez Dacosta. Neste senso, os e as socialistas alertan que “o PP leva anos degradando este modelo de xestión con hospitais comarcais que perden servizos cada ano, co trastorno e custo económico que isto implica para as veciñas e os veciños da nosa provincia, e nomeadamente na comarca de Valdeorras”.

No 2016 realizáronse 776 traslados ao Complexo Universitario Hospitalario de Ourense para intervención cirúrxicas, chegando no 2023 a 1.000, o que supón un aumento do 30% e deixa en evidencia o descenso de actividade nos quirófanos do Hospital Comarcal de Valdeorras. Neste senso, tamén chama a atención o aumento de máis dun 20% no número de derivacións de pacientes de atención especializada á capital. “No ano 2007 tiñamos 2.991 ingresos, reducíndose a 2.417 en 2018 e creemos que a situación foi a peor, xa que dende entón a Xunta, primeiro con Feijóo e logo con Rueda á cabeza, oculta os datos”, denuncia a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia. “É moi triste que a xunta de persoal do hospital pida que se manteñan os mesmos servizos que tiñamos en 2009, reivindicando que polo menos a situación se equipare á que existía hai 15 anos”, lamenta Tino Alonso, deputado provincial socialista pola comarca de Valdeorras.

Pola súa banda, o candidato socialista pola provincia de Ourense, Eladio Santos Martínez, destaca que “o PP non cre na sanidade pública e moito menos no Hospital Comarcal de Valdeorras”. “Ao contrario, continúa Santos Martínez, nós miramos polo rural, polos servizos para a sente e sabemos da importancia desta instalación hospitalaria nunha comarca dinámica como a de Valdeorras, pero tamén moi envellecida, onde esiximos ter os mesmos servizos que hai en outros lugares menos periféricos”. Segundo este, “o PSdeG-PSOE ten un plan para reverter a situación, que pasa por estabilizar os empregos do persoal, planificar os postos futuros para ir medrando, pero non con remendos ou parches ao fío de sucesivas citas electorais ou para calar protestas; e mellorar as capacidades de xestión autónoma da sanidade en Valdeorras porque é desde aquí que mellor se coñecen e se poden abordar os problemas”.

Sen ambulancia de soporte vital avanzado 

Outra das grandes eivas da área sanitaria do oriente ourensán é a ausencia dunha ambulancia con soporte vital avanzado. “Ourense conta nestes momentos con tan só unha ambulancia deste tipo, cando en Lugo hai 3, en Coruña 4 e Pontevedra outras 4”, afirman os e as socialistas. Neste senso dende o PSdeG-PSOE destacan que “non é de recibo que unha poboación como Valdeorras, na que a veciñanza en moitos concellos supera os 65 anos, non dispoña dunha ambulancia de soporte vital avanzado”. A isto súmase tamén os problemas para o traslado a Ourense, debido a distancia, o que provoca que “se dupliquen os tempos de reacción, o ter que mobilizar unha ambulancia con este servizo dende a capital”.

Dende o PSdeG-PSOE afirman que este “é un exemplo da discriminación negativa da Xunta ao rural, e concretamente ao interior e a comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas por estas políticas de recorte e abandono do PP”. Os e as socialistas, con José Ramón Gómez Besteiro á cabeza comprométense a resolver esta situación e que Valdeorras conte cuns servizos “dignos, eficientes, de calidade e que dean resposta as graves eivas desta área sanitaria, tras anos de recortes e desmantelamento do PP”.

0.16458296775818