O PSdeG critica á Deputación por responsabilizar a ADIF dos incendios e non reclamar á Xunta medidas de prevención

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense cualificou de “cinismo político” as declaracións do presidente da institución provincial, Luís Menor, nas que responsabilizou a ADIF dos incendios provocados polo paso dun tren. Os socialistas consideran que o mandatario provincial evita reclamar responsabilidades á Xunta de Galicia e á propia Deputación en materia de prevención de incendios.
O portavoz socialista, Álvaro Vila Araújo, sostén que “o señor Menor apresúrase a sinalar culpables cando o responsable non leva as siglas do PP, pero permanece mudo ante a deixadez do goberno galego e da institución que el mesmo preside. Iso non é defender Ourense, iso é defender ao Partido Popular”.
Vila lembrou que, segundo anunciou hai un ano o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Administración autonómica asumiría a limpeza das franxas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Porén, asegura que esa medida non chegou a materializarse.
“Estamos a 15 de xullo, en pleno período de máximo risco de incendios, e aquelas promesas quedaron en papel mollado. Nin se limparon as franxas, nin se formalizaron os convenios cos particulares, nin os concellos deixaron de soportar unhas obrigas que a Xunta asegurou que asumiría”, afirmou.
O portavoz socialista engadiu que “o PP volveu vender titulares en lugar de solucións. Fixeron propaganda coa prevención, pero cando chegou a hora de cumprir desapareceron. E agora pretenden desviar a atención buscando culpables fóra”.
O Grupo Provincial Socialista tamén censurou a falta de avances na Mesa Provincial de Incendios impulsada pola Deputación. Vila lembrou que este órgano foi convocado a petición dos socialistas coa participación de expertos, colectivos, asociacións e grupos políticos, pero asegura que, un ano despois, segue sen ofrecer resultados.
“Convocouse unha mesa con expertos, colectivos, asociacións e grupos políticos a petición nosa, recolléronse propostas e comprometeuse un plan de actuación. Un ano despois non hai conclusións, non hai medidas e non hai explicacións. Todo quedou nunha operación de maquillaxe política para apagar a contestación social tras os incendios do pasado verán”, manifestou.
O portavoz reclamou explicacións ao presidente provincial. “Se Menor quere falar de neglixencias, que empece por explicar por que a Deputación segue sen presentar o resultado da Mesa de Incendios e por que non lle esixe á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos coa veciñanza desta provincia”.
Para o Grupo Provincial Socialista, “o máis grave non é que o presidente da Deputación busque responsabilidades noutras administracións; o máis grave é que garde silencio diante dos incumprimentos do seu propio partido mentres Ourense afronta outro verán co monte cargado de biomasa e sen as medidas de prevención prometidas”.
Álvaro Vila concluíu reclamando a Luís Menor que “debería decidir se quere seguir actuando como portavoz da Xunta ou empezar a exercer como presidente da Deputación. Porque a súa obriga é defender os intereses da provincia, non tapar as vergoñas do Partido Popular”.