O PSdeG de Barbadás propón impulsar un plan integral de mantemento do campo de fútbol dos Carrís e do polideportivo

O PSdeG-PSOE de Barbadás defenderá no pleno do vindeiro luns, 4 de maio, unha moción para impulsar o mantemento integral do campo de fútbol dos Carrís, así como do polideportivo, co obxectivo de “mellorar as instalacións, reforzar a súa conservación e seguir garantindo uns espazos deportivos de calidade para a veciñanza”.
As socialistas formula unha serie de actuacións orientadas a seguir modernizando e poñendo en valor unhas infraestruturas que conisderan “fundamentais” para a práctica deportiva no municipio, como a drenaxe perimetral do campo de fútbol 8, a reparación de deficiencias existentes na zona de acceso e galería, a impermeabilización dos vestiarios e a posta en marcha do servizo de vending para mellorar a atención ás persoas usuarias.
“Falamos dunha moción útil, realista e pensada para seguir mellorando uns espazos que son referencia para centos de veciños e veciñas”, destaca a concelleira socialista, Noemí Pintos Fondevila, que pon de manifesto que “o deporte é convivencia, saúde e comunidade, e as instalacións municipais teñen que estar á altura dese papel”.
A proposta, subliñan desde o grupo municipal, parte dunha visión construtiva e de continuidade, recollendo actuacións necesarias e tamén iniciativas xa encamiñadas para consolidar unhas instalacións modernas, seguras e funcionais. “Queremos contribuír con propostas para que Barbadás continúe avanzando en materia deportiva. Non se trata só de resolver necesidades concretas, senón de seguir apostando por infraestruturas coidadas, accesibles e pensadas para o benestar da veciñanza”, sinalan.
A moción, explican, pon o foco en intervencións prioritarias derivadas do uso intensivo e da antigüidade das instalacións, pero tamén en seguir mellorando os servizos que reciben clubs, familias e persoas usuarias. Neste senso, a concelleira socialista incide en que “investir en mantemento é tamén investir en prevención, en calidade e en futuro. Coidar o que temos é a mellor maneira de seguir fortalecendo o deporte base e a actividade deportiva no municipio”.
A proposta inclúe tamén a activación do servizo de vending, unha medida orientada a completar os servizos do recinto e responder ás demandas das persoas usuarias, especialmente en instalacións cun alto nivel de actividade diaria.
Para Noemí Pintos, “Barbadás ten un enorme potencial deportivo e debemos acompañalo cunha planificación seria e cun compromiso continuado coas instalacións públicas. Esta moción vai nesa liña: sumar, mellorar e seguir construíndo un concello que aposte polo deporte como eixo de cohesión e calidade de vida”.
Con esta iniciativa, o PSdeG-PSOE busca reafirmar o seu compromiso cun modelo de xestión propositivo, centrado en ofrecer solucións e en impulsar melloras que repercutan directamente no día a día da cidadanía.