O PSdeG de Barbadás propón reforzar o apoio ao comercio local e á hostalaría ante o peche de negocios

O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao vindeiro pleno municipal unha iniciativa para reforzar o apoio ao comercio local e á hostalaría do municipio, nun contexto que os socialistas relacionan co peche de diversos establecementos nos últimos meses e coas dificultades do pequeno negocio.
A proposta defende a necesidade de que o Concello actúe como “motor de apoio, promoción e acompañamento do tecido económico local, apostando por medidas útiles e realistas que contribúan a fortalecer o comercio de proximidade e a actividade hostaleira”.
Desde o grupo municipal socialista sinalan que esta iniciativa responde a unha forma de entender a política local baseada en propostas construtivas e orientadas a mellorar a situación do municipio, da veciñanza e do tecido económico.
A concelleira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Marga Pérez Fernández, destaca o papel do pequeno comercio e da hostalaría na vida cotiá do municipio. “O pequeno comercio e a hostalaría son moito máis ca actividade económica; son vida para as nosas rúas, crean emprego, favorecen a convivencia e axudan a construír comunidade”, sinala.
Engade ademais que “cada negocio que pecha supón unha perda para todo Barbadás, polo que as administracións non poden permanecer alleas á realidade que están a vivir moitas familias e profesionais”.
A moción inclúe propostas como a creación dunha mesa de traballo permanente co sector, a elaboración dun estudo sobre as súas necesidades, campañas de fomento do consumo local, programas de fidelización comercial e axudas para a modernización e dixitalización dos negocios.
Tamén formula a organización de actividades comerciais e gastronómicas para dinamizar a economía local e a colaboración con outras administracións para reforzar o apoio ao sector.
Marga Pérez conclúe que o grupo socialista seguirá presentando iniciativas “útiles e responsables, afastadas da confrontación e centradas en mellorar a vida da veciñanza”, apostando por un modelo de Concello que acompañe o comercio local e ás persoas autónomas.