O PSdeG de Barbadás propón un plan de mellora viaria para reforzar a accesibilidade e a conectividade

O Grupo Municipal Socialista de Barbadás levará ao pleno ordinario do vindeiro luns 1 de xuño unha moción coa que propón poñer en marcha un conxunto de actuacións en estradas, camiños e rúas do municipio. A iniciativa busca mellorar a mobilidade, facilitar a accesibilidade e reducir os desequilibrios entre as distintas zonas do termo municipal.
O documento inclúe unha ducia de intervencións distribuídas por varias parroquias e lugares do concello, formuladas a partir das demandas trasladadas pola veciñanza e das necesidades identificadas polo grupo socialista en materia de mantemento viario, seguridade, humanización e mellora do espazo urbano.
A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, explica que “esta moción nace dunha escoita activa á veciñanza e dunha maneira de entender a política municipal baseada en propoñer solucións útiles e realistas para mellorar o día a día das persoas”.
Nesa liña, engade que a planificación das actuacións debe responder a unha estratexia estable e non a decisións puntuais, ao afirmar que “o mantemento e a modernización progresiva dos espazos públicos non pode depender da improvisación, senón que debe responder a criterios de planificación, cohesión territorial e igualdade entre os diferentes núcleos do municipio”.
Entre as actuacións recollidas figuran melloras de pavimentos e firmes en lugares como Loiro, Bentraces, Sobrado, Pontón, Parada, Piñor, Santa Uxía, As Lamas e Finca Fierro, ademais da reforma integral do vial que conecta A Valenzá coa N-540 pola zona do campo de fútbol dos Carrís.
O PSdeG-PSOE tamén introduce na proposta a necesidade de compatibilizar as obras coa protección do patrimonio en determinados puntos, apostando por solucións adaptadas á contorna mediante materiais como o formigón desactivado ou pavimentos integrados.
Así mesmo, a moción contempla actuacións destinadas á mellora dos espazos de convivencia, como a renovación do parque infantil de Pontón e a humanización da contorna da fonte do pobo.
Morenza destaca ademais que “falamos de intervencións asumibles, necesarias e perfectamente compatibles coa utilización de fondos doutras administracións, especialmente dos recursos do Plan CooperOU”, e reivindica o labor do grupo municipal: “o noso grupo exerce unha oposición útil, facendo achegas construtivas e presentando propostas concretas para mellorar Barbadás”.
Desde o PSdeG-PSOE subliñan que o obxectivo final é establecer unha folla de ruta de melloras progresivas que contribúan a un concello “máis accesible, máis cohesionado e con mellores servizos públicos para toda a veciñanza, viva onde viva”.