O PSdeG de Barbadás reclama ampliar a apertura da Casa da Mocidade nas fins de semana e vacacións

O PSdeG-PSOE de Barbadás presentará no pleno ordinario previsto para o vindeiro 6 de xullo unha moción coa que reclama a ampliación dos horarios da Casa da Mocidade durante as tardes das fins de semana e nos períodos de vacacións escolares. A formación sinala que a medida busca ofrecer á mocidade do municipio alternativas de lecer “saudables, participativas e accesibles” nos momentos nos que máis tempo libre teñen.
Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que o horario actual do servizo resulta “insuficiente”, ao concentrarse nos días laborables e permanecer pechado precisamente durante sábados, domingos e períodos non lectivos como Nadal, Semana Santa ou o verán.
A concelleira socialista Noemí Pintos cuestionou esta situación e afirmou que “non ten sentido que un espazo creado para a mocidade permaneza pechado cando as mozas e os mozos máis poden desfrutalo. A Casa da Mocidade debe ser un verdadeiro punto de encontro, convivencia e participación, non un servizo limitado a un horario administrativo”.
O PSdeG lembra tamén que o modelo de apertura ampliada xa funcionou anteriormente no municipio e que acadou unha elevada participación, consolidándose como unha alternativa de ocio para a xuventude local.
Neste sentido, Pintos subliña que “estamos falando dunhas instalacións nas que xa se realizou un importante investimento público e que deben aproveitarse ao máximo. O goberno municipal non pode dar un paso atrás nun servizo que xa demostrara a súa utilidade social”.
A iniciativa socialista inclúe ademais a petición de reforzar os recursos humanos destinados ao servizo mediante máis persoal, programas de monitorado ou a licitación da xestión. Tamén reclama a creación dunha programación estable de actividades adaptadas aos intereses da mocidade e a instalación da persiana de acceso ás dependencias, un procedemento iniciado hai meses que, segundo indican, continúa sen executarse.
Desde o grupo consideran ademais que a existencia de espazos públicos de lecer estruturados pode contribuír á conciliación familiar e evitar que a mocidade recorra a alternativas de ocio non organizadas.
“Queremos que a Casa da Mocidade siga sendo un referente para a xuventude de Barbadás, un espazo aberto, dinámico e vivo. Agardamos que o resto dos grupos municipais apoien unha proposta que responde a unha demanda real da mocidade e que busca mellorar un servizo público do que se beneficia todo o municipio”, conclúe Noemí Pintos.