O PSdeG de Cartelle alerta de atrasos nas operacións oftalmolóxicas e fala dunha “situación límite” para varios veciños

OurenseXa
O voceiro socialista, Jesús Pereiras Vázquez, describe unha situación especialmente delicada para persoas maiores con problemas de visión e piden “medidas urxentes”
Casa do Concello de Cartelle
20 May 2026

O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Cartelle denuncia a situación que atravesan numerosos veciños e veciñas do municipio debido ás longas listas de espera para intervencións oftalmolóxicas no sistema público de saúde, especialmente no caso das operacións de cataratas.

Segundo explican desde o grupo socialista, a información achegada polas persoas afectadas reflicte esperas moi prolongadas: hai pacientes que levan máis de dous anos agardando por unha intervención cirúrxica, mentres outros superan o ano e medio ou acumulan máis dun ano sen recibir solución. Ademais, sinalan que “aínda se están realizando operacións correspondentes as listas do ano 2023, cun ritmo absolutamente insuficiente”.

O voceiro socialista, Jesús Pereiras Vázquez, describe unha situación especialmente delicada para persoas maiores con problemas de visión. Neste sentido, afirma que “estamos falando de persoas maiores, con problemas de visión e que están vendo seriamente limitada a súa vida diaria por unha operación relativamente sinxela como é unha intervención de cataratas”.

Tamén advirte do impacto directo na autonomía dos afectados: “hai veciños e veciñas que xa non son capaces nin de baixar unhas escaleiras con seguridade porque apenas ven, e isto está afectando directamente á súa autonomía, á súa mobilidade e á súa calidade de vida”.

O grupo municipal considera que a situación é “inadmisible” e reclama unha resposta máis áxil para reducir os tempos de espera. Ao mesmo tempo, piden á Xunta de Galicia que incremente os recursos destinados a estas intervencións e mellore a capacidade asistencial.

O PSdeG-PSOE de Cartelle tamén se ofrece a facilitar os datos dos casos afectados para que poidan ser verificados pola administración sanitaria. “Se o Sergas ou a Xunta queren contrastar esta situación, poden poñerse en contacto connosco e facilitarémoslles os datos dos veciños e veciñas afectados que nos autorizaron a trasladar esta problemática”, sinala o voceiro.

Finalmente, os socialistas reclaman medidas urxentes para reducir as listas de espera, que cualifican de “inhumanas e impropias dun sistema sanitario público que debería garantir unha atención digna e en prazo”.

0.11126494407654