O PSdeG de Ourense aposta polo impulso das infraestruturas claves para o desenvolvemento comarcal

OurenseXa
Os socialistas ourensáns inciden na necesidade de potenciar os servizos sanitarios “reforzando co persoal suficiente os centros de saúde da bisbarra e servizos clave como a pediatría”
psoe-comarca-ourenswe
Representantes do PSdeG-PSOE na comarca de Ourense
21 Maio 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter un encontro de traballo con representantes socialistas da bisbarra de Ourense para escoitar as súas inquedanzas e recoller aquelas suxestións e reclamacións que estes teñen e proceder a trasladarllas aos diferentes gobernos nacional, autonómico e provincial. Desta vez, as e os socialistas reuníronse en Ourense, onde subliñaron a importancia de impulsar infraestruturas “claves para o desenvolvemento comarcal” e a necesidade de reforzar os sistemas sanitario e educativo para contar cunha sanidade e educación “dignas, eficientes e de calidade”.

No encontro celebrado na sede provincial do PSdeG-PSOE de Ourense participaron o senador e secretario xeral do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e o voceiro do grupo provincial socialista e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila Araújo. Os cargos orgánicos reuníronse co alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; coa alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios; e con concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios que conforman a comarca de Ourense.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense apostan por impulsar “novas infraestruturas que melloren a mobilidade na comarca e seguir desenvolvendo os proxectos que actualmente están en marcha nos diferentes municipios”. As e os socialistas inciden na necesidade de potenciar os servizos sanitarios “reforzando co persoal suficiente os centros de saúde da bisbarra e servizos clave como a pediatría”. Tamén fixeron fincapé na necesidade de potenciar o sistema educativo “para que ningunha crianza quede atrás e poidan dispor dos servizos da forma máis eficiente posible”.

Durante o encontro puxéronse sobre a mesa a importancia dos investimentos que o Goberno central está levando a cabo en materia ferroviaria e de infraestruturas na bisbarra. Neste senso apuntan que traballarán por “conseguir investimentos que reforcen e melloren a mobilidade”. En relación ao goberno autonómico os e as socialistas recolleron “reivindicacións en materia sanitaria e educativa para dar traslado das mesmas ao Parlamento e poder solucionar as graves problemáticas existindo neste senso”.

As e os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense nas diferentes institucións tomaron boa nota das suxestións, peticións e reclamacións dos diferentes municipios da comarca e darán traslado das mesmas aos gobernos nacional, autonómico e provincial para tentar solucionar os problemas e potenciar as infraestruturas clave.

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que o obxectivo principal destas reunións e “traballar sobre o territorio para desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra, que permita construír un plan de futuro para a provincia”. Os e as socialistas tamén apuntan a que “seguiremos percorrendo a provincia comarca a comarca para escoitar as inquedanzas dos municipios e dar traslado aos gobernos nacional e autonómico das diferentes demandas que teñen”.

0.096630096435547