O PSdeG de Ourense defende unha política "afastada dos intereses electorais"

OurenseXa
A voceira socialista reivindicou unha xestión municipal centrada nos problemas reais dos veciños, por riba do cálculo electoral de cara ás vindeiras municipais
natalia-gonzalez
Imaxe de arquivo
1 Oct 2026

A voceira do PSdeG no Concello de Ourense e candidata á Alcaldía, Natalia González, reclamou este 1 de outubro que a actividade municipal se oriente a resolver os problemas cotiáns dos veciños antes que aos cálculos de cara ás vindeiras eleccións. Fíxoo durante unha sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá no Concello.

González abriu a súa intervención afirmando: "Fóra deste Salón de Plenos hai máis de 100.000 persoas ás que lles queda, cada vez máis, lonxe o que aquí acontece e conseguimos que detesten, cada vez máis, a política municipal. A xente quere que todo funcione: que as empresas cobren, o autobús pase á súa hora, que as asociacións reciban axudas públicas, pero nada disto pasa mentres neste lugar parece que perdemos o tempo".

A dirixente socialista puxo o acento nos sete anos que o rexedor leva á fronte do goberno local, un período no que, segundo defendeu, non se producirían melloras substanciais no día a día de quen lle outorgou a súa confianza nas urnas. "Non chegou onte aquí e todos sabemos como o fixo. Pero despois destes dous mandatos seus o Concello tarda máis de 115 días de media en pagar. Hai máis de 26 millóns de euros en facturas pendentes de pagamento, facturas que volven unha e outra vez aquí e máis servizos en precario que cando comezou a gobernar. A xente non vive de que haxa Remanente de Tesourería. Nin sabe o que é o Remanente en moitos casos. Vive nas súas rúas chea de fochancas, nos seus parques sen coidar e cuns servizos públicos que cada vez funcionan peor", subliñou.

A socialista lembrou así mesmo que todos os grupos da oposición votaron en contra da cuestión de confianza presentada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao entender que non merecía a súa confianza. "Presentamos alegacións e propostas. Particularmente nós presentamos unha moción de censura ata en dúas ocasións neste último mandato e chegados ata aquí creo que debemos preguntarnos que pasa despois do 'non'. Dicir que non é necesario as veces, pero nós non imos votar que non a todo para esperar a que todo vaia a peor. Porque que lle vaia mal ao alcalde non significa que a Ourense lle vaia mellor", argumentou para explicar a ausencia das edís socialistas na votación ás alegacións ao Orzamento de 2026.

Tamén sinalou que os partidos políticos deberían actuar conforme ao que precisa a cidadanía e non respondendo só a réditos electorais a oito meses de votar nas municipais. "Sen medo ao que digan algúns ao día seguinte. As decisións e a coherencia permanecen. Neste caso estamos a falar do presuposto de 2026 en outubro e o orzamento non é o que se planifica, senón o que se executa. Gustaríame ver, a 31 de decembro, canto do anunciado se executou. E ao final, isto non vai de conseguir que lle saian os número a un ou a outro, trátase de que algún día lle saian as contas a Ourense", rematou contundente.

Pola súa banda, a edil do PSOE María Fernández incidiu en que se a aritmética responde ao resultado das eleccións de 2023 e non se ofrece unha alternativa a Democracia Ourensana por seren "incapaces de poñerse de acordo" e de sentarse a falar por intereses electorais, o único que queda é intentar non bloquear máis o funcionamento da cidade. "Poden mercar o titular, pero non poden enganar á xente", espetou ao PP e ao BNG.

"Non é xusto que por cálculos partidistas esteamos a prexudicar á xente. O PSOE aprobou, hai un ano, investimentos importantísimos para esta cidade. Recordamos perfectamente os titulares de despois de aquel pleno. E a realidade é que, independentemente de que Gonzalo Pérez Jácome tivera os cartos pola nosa abstención, virá a este pleno unha modificación de crédito para arranxar os parques infantís ou para a licitación dos contedores do lixo que xa ían naquela modificación de crédito. O que hai que cambiar é quen goberna. Pero se non somos quen de construír unha alternativa, non podemos paralizar a cidade", puntualizou a socialista.

0.16030502319336