O PSdeG de Ourense denuncia unha trama de ocultación da Deputación sobre o uso irregular de vehículos oficial por parte de Baltar

OurenseXa
O Senado debaterá o vindeiro 23 de abril en sesión plenaria a petición de suplicatorio do Tribunal Supremo para retirarlle a Baltar a condición de aforado e que poida ser xulgado
grupo_provincial-pose_deputacion_ourense
Grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense
18 Abr 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia unha trama de ocultación “deliberada” de información por parte da Deputación de Ourense sobre o uso “irregular” de vehículos oficiais por parte do anterior presidente do ente provincial, Manuel Baltar. Os e as socialistas denuncian que despois dun ano solicitando en numerosas ocasións información relativa as multas de tráfico aos coches oficiais da Deputación, así como do uso deses vehículos e o rexistro de saída dos mesmos do parque móbil, “parte de dita información segue sen concedérsenos”.

Dende o PSOE ourensán poñen o foco na multa ao coche oficial da Deputación posta no termo municipal de Allariz por circular a 173 quilómetros por hora, o mesmo día e 144 quilómetros antes da multa pola que Manuel Baltar agarda para ser xulgado, tras ser cazado a 215 quilómetros por hora en Asturianos (Zamora) e identificado como condutor pola Garda Civil, tras darlle o alto. “O condutor da multa de Allariz non foi identificado, o que supuxo que o ente provincial tivese que abonar 1.200 euros de sanción por dita infracción, aumentando o seu custe ao non identificar ao condutor e demorar o pago da multa”.

Cabe sinalar que hoxe mesmo coñeceuse que no pleno do Senado do vindeiro 23 de abril debaterase sobre a petición de suplicatorio da xuíza do Tribunal Supremo, Ana Ferrer, cuxo obxecto é retirarlle a protección de aforado debida á súa condición de Senador a Manuel Baltar para proceder a xulgalo pola comisión dun presunto delito contra a seguridade vial.

As e os socialistas ourensáns esíxenlle ao PP “responsabilidade a tódolos niveis para rematar con esta trama de ocultación de información”. Consideran que a cidadanía “non pode soportar esta burla, cunha sanción na que se negan a identificar ao condutor”. Tamén poñen o foco nas “unha e mil artimañas xurídicas de Manuel Baltar para adiar unha e outra vez o xuízo por conducir a 215 qm/h” e sinalan que “un ano despois vai ser xulgado por un suposto delito penal polo que un cidadán de a pé sería xulgado xa fai tempo”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, subliña que ante estes feitos “confírmanse as nosas sospeitas e temores de que a Deputación de Ourense cambiou de forma, pero mantén o mesmo fondo e modo de actuar, encubrindo, protexendo e non querendo investigar o que aconteceu coas sancións de tráfico”. O senador socialista pola provincia de Ourense tamén pon o foco na decisión de non identificar ao condutor da multa de Allariz, afirmando que “é curioso que o 23 de abril, a 144 quilómetros de Asturianos, na mesma dirección, ruta e co mesmo coche oficial, a Deputación non identifique o condutor do vehículo que é cazado por un radar a 173 qm/h en Allariz, cando unha hora despois ese mesmo coche é detido por outra infracción a 215 qm/h e con Manuel Baltar como condutor”.

No último informe, ao que o grupo provincial socialista tivo acceso nos últimos días, puido comprobarse en relación a multa de Allariz que intervención procedeu o pago dos 1.200 euros en base a un informe feito polo xefe de servizo de maquinaria. “Dito informe vén elaborado polo xefe de servizo de maquinaria, posto que o xefe do parque móbil xubilouse e aínda non foi nomeado un novo responsable, facendo neste momento as funcións unha persoa que é persoal laboral da Deputación”, sinala Villarino, que afirma que “é este mesmo persoal laboral doutro servizo o que di que o mellor é pagar a multa”. No informe chégase a dicir que non existe rexistro de saída do vehículo oficial nese día, coincidindo ademais coa inexistencia de axenda institucional do entón presidente, Manuel Baltar.

“Dende cando unha institución pública prioriza ocultar información por un suposto beneficio económico?” pregúntase Villarino, antes de sinalar que “non existe tal beneficio, pois aumenta a contía da multa ao non identificar o condutor”. O secretario provincial subliña que “unha administración pública que non defende a verdade, que encubre e que non investiga o que acontece é unha administración baixo sospeita”.

O secretario provincial e senador do PSdeG-PSOE de Ourense considera de “extrema gravidade” que a Deputación de Ourense “non identifique ao condutor dunha infracción ao volante e siga amparando a unha persoa que cometeu un suposto delito penal”. Villarino tamén sinala que “síguenos faltando documentación e rexistro das cámaras do parque móbil, así como de varias sancións das que se pediron copia ao longo do ano pasado”.

Pola súa banda, o actual voceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila Araújo, afirma que “estamos ante un feito sumamente grave” e fai fincapé en que os e as socialistas “temos dereito a ter acceso a toda a documentación e que se aclaren dunha vez por todas os feitos e se remate coa ocultación de información”.

Cronoloxía dos feitos e das solicitudes de información

O 23 de abril de 2023, o vehículo oficial da Deputación de Ourense, conducido por Manuel Baltar e detido no termo municipal de Asturianos, tras ser cazado por un radar a 215 qm/h. Días despois coñecese que o mesmo vehículo foi cazado tamén a 173 qm/h en Allariz, unha hora antes de que se identifique a Baltar en terras zamoranas.

O 27 de abril, o grupo provincial socialista solicita información de tódalas sancións e expedientes abertos aos vehículos da Deputación, sen obter resposta. O 8 de maio de 2023, realízase unha nova solicitude respecto do uso dos vehículos oficiais da Deputación os días 21, 22 e 23 de abril de 2023, na que se solicitaba, entre outros asuntos, copia do rexistro das persoas que os utilizaron nesas datas e gravación das cámaras do patio e da porta de entrada de vehículos da Deputación que se usa como aparcadoiro. Non se obtén resposta.

O 15 de xuño de 2023, ás 9:20 horas, entregouse -segundo diversas fontes- un correo certificado na Deputación de Ourense que requiría identificar ao condutor responsable dunha sanción por circular a 173 qm/h o 23 de abril de 2023, ás 17:44 h., ao volante do antedito Passat no Pk 210 da A-52, no termo municipal de Allariz. O día anterior, Baltar renunciou á acta de concelleiro en Esgos. E o propio 15 de xuño Rueda descartaba que seguira como Presidente Provincial do PP de Ourense, desmentindo o dito por Baltar o día anterior.

O 28 xullo oficializouse en sesión extraordinaria do Parlamento de Galicia o nomeamento de Baltar xunto a José Manuel Rey Varela polo PP, e Carme da Silva polo BNG, como senadores por designación autonómica galega. O 17 de agosto toma posesión da súa acta como Senador.

O 3 de setembro de 2023, xa coa nova Presidencia provincial, o grupo provincial socialista solicitou a listaxe do rexistro de saída de vehículos do Parque Móbil de Presidencia durante o ano que precedeu a acesa solicitude. Unha vez máis, non houbo resposta.

O 13 de marzo de 2024, o grupo socialista realizou unha nova solicitude onde se pedía copia do expediente de sanción referido á multa por circular a 173 qm/h na A-52 á altura de Allariz, e datos completos do vehículo sancionado, copia da sanción e datos do condutor. Desta vez, recibimos resposta, en data 18 de marzo de 2024: deuse acceso aos expedientes

Finalmente, o 10 de abril de 2024, realízase unha nova solicitude de información, na que se reitera o acceso a diversa documentación logo de só ter acceso ao visionado do expediente, pero non a dispor da documentación referida aos seguintes aspectos:

- Copia do informe asinado, en data 28/11/2023, polo Xefe de Servizo do Parque de Maquinaria, onde se certifica a imposibilidade de identificar ao condutor por carecer de documento certificativo.

- Copia da denuncia da DGT referida á multa por circular a 173 qm/h o 23 de abril de 2023

-Copia da proposta de resolución de pago de sanción económica de 1.200 euros por non identificar en tempo e forma ao condutor

-Copia da resolución asinada en data 30/11/2023 pola deputada delegada de Facenda dona Marta Nóvoa e documento de gasto para pago da sanción.

0.19001197814941