O PSdeG de Ourense fai entrega a Por Eles TEA da recadación da Festa dos Maios
A presidenta de honor da Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense, Marga Martín Rodríguez, e o secretario de Organización da mesma, José Ramón Fernández Morgade, entregaron esta mañá un cheque á entidade Por Eles TEA co importe percibido de 300 euros trala participación da agrupación política na Festa dos Maios deste ano.
“É un pracer poder contribuír, por unha banda, a unha celebración que vai no noso ADN como ourensáns e, por outra, a unha causa tan importante como a inserción dos e das menores con autismo ao longo da provincia de Ourense”, sinalou un dos principais impulsores do maio, Fernández Morgade.
Nesta liña, a tamén secretaria de Políticas Sociais e Dependencia da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, expresou que resulta satisfactorio poder achegar “un gran de area a unha causa tan importante e a unha asociación que ten amosado nestes anos todo o que é capaz de facer en prol da igualdade dos nenos e nenas”.
A creación das e dos socialistas consistía nun símbolo do infinito que representa ás asociacións e persoas con Trastorno do Espectro Autista e, nesta ocasión, decidiu contribuírse cunha entidade que traballa pola integración e acadar unha sociedade máis inclusiva dende o 2018.