O PSdeG de Ourense homenaxea ás vítimas da represión no 95 aniversario da II República


A executiva local e provincial do PSdeG en Ourense rendeu este martes homenaxe a “aquelas persoas que loitaron pola liberdade, moitas delas pagando un prezo moi alto”, con motivo do 95 aniversario da proclamación da II República.
O acto tivo lugar no Cemiterio de San Francisco, onde se realizou unha ofrenda floral en lembranza das persoas represaliadas. Na homenaxe participaron a secretaria xeral na cidade, Natalia González Beneitez, o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, o secretario de formación das Xuventudes Socialistas, Daniel Barredo, e o responsable provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión.
Durante a súa intervención, Natalia González destacou a importancia de manter viva a memoria histórica, asegurando que “a súa memoria obríganos a non esquecer, a defender a democracia cada día e a seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta”.
No acto tamén se puxo o foco nas iniciativas impulsadas polos socialistas en materia de memoria democrática. Entre elas, propostas orientadas a dignificar espazos vinculados á memoria, como a declaración do Campo de Aragón como lugar de memoria e a súa denominación como Praza da Segunda República. Tamén se fixo referencia á necesidade de retirar simboloxía franquista aínda presente, recoñecer ás vítimas e ás súas familias e promover accións educativas para que as novas xeracións coñezan a historia. A homenaxe enmárcase nas actividades de lembranza organizadas polos socialistas ourensáns arredor desta efeméride.