O PSdeG de Ourense insta á Xunta a realizar melloras na OU-533

OurenseXa
As e os socialistas consideran “primordial” a execución desta variante que permitirá garantir a seguridade a mobilidade da veciñanza e lembran que as melloras nesta estrada son unha reivindicación “histórica” do PSOE
Carmen-Rodríguez-Dacosta
Carmen Rodríguez Dacosta
12 Jul 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense avoga pola mellora da OU-533, de titularidade autonómica, que une A Gudiña e A Rúa e instan ao goberno galego a que se leve a cabo unha circunvalación que alivie ao municipio de Viana do Bolo do tráfico pesado que soporta. As e os socialistas consideran “primordial” a execución desta variante que permitirá garantir a seguridade a mobilidade da veciñanza.

A deputada autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de defender na mesa de ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos unha emenda a unha proposición non de lei presentada polo BNG en relación a mellora da OU-533. A parlamentaria instou á Xunta a incluír no proxecto de mellora da estrada, a execución desta circunvalación, “clave” para o municipio de Viana do Bolo.

As e os socialistas sinalan que a mellora desta estrada do oriente ourensá “é unha reclamación histórica do PSOE”, que leva anos loitando por un proxecto que permita ampliar os carrís de adiantamento, mellorar o firme e corrixir varias curvas perigosas do actual trazado. “Estamos falando dun eixo de mobilidade que entronca na actualidade a comarca de Valdeorras e o Oriente ourensá coa A-52 e coa estación de AVE da Gudiña”, apuntan dende o PSdeG ourensán.

A parlamentaria socialista por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, aproveitou a súa intervención para sinalar que a veciñanza das comarcas do oriente ourensá “levan anos reclamando melloras nesta estrada para potenciar a mobilidade, reducir tempos de viaxe no percorrido, incrementar a seguridade viaria, para corrixir as necesidades de vertebración do territorio e para facilitar o acceso á alta velocidade”. Neste senso a deputada autonómica considera que as melloras na OU-533 ”repercutirían de forma moi positiva no desenvolvemento económico, facilitando que os produtos melloren a súa posición nos mercados nacionais e internacionais”.

“Estamos falando da única vía de conexión entre as comarcas de Valdeorras, O Bolo e Viana, así como o único acceso a Pena Trevinca e o enlace principal con Portugal da comarca de Valdeorras”, sinala Rodríguez Dacosta. A deputada socialista lembra que “levamos anos instando á Xunta a remodelación desta estrada, pero ata o de agora nada se fixo, polo que volvemos a reclamar a execución das melloras necesarias, incluíndo a creación da variante de Viana”.

A OU-533 é unha estrada que soporta un “importante” tráfico de vehículos, especialmente pesados, xa que transportan mercancías cara outros puntos de España, Portugal e diferentes portos da península. Na actualidade, no tramo entre A Gudiña e Viana só se pode adiantar en 990 metros dos 16 quilómetros que ten o tramo e entre Viana e A Rúa hai habilitados 3,90 quilómetros de adiantamento dos 34,77 totais. Neste senso as e os socialistas avogan pola creación de “novos carrís de adiantamento que permitan non só reducir os tempos de viaxe, senón mellorar a seguridade viaria”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18027305603027