O PSdeG de Ourense organiza un encontro para abordar a problemática dos incendios na provincia

A Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense abordará a problemática dos incendios forestais nun encontro con Paco Castañares, dentro do ciclo “Conversas na Casa do Pobo”, unha iniciativa aberta á cidadanía.
O acto terá lugar este venres 12 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Pobo situada na rúa Ribeira de Canedo, 24-26, en Ourense.
Nesta ocasión, a sesión centrarase na cuestión “Podemos evitar os grandes incendios forestais? Buscando respostas”, e contará coa participación de Paco Castañares, experto nesta materia. O convidado foi director xeral de Medio Ambiente na Xunta de Extremadura entre 1989 e 1994 e é na actualidade presidente de AEEFOR (Asociación Extremeña de Empresas Forestais e do Medio Ambiente). Ao longo da súa traxectoria leva defendido a importancia da prevención forestal e do reforzo do medio rural como elementos clave para evitar os incendios de sexta xeración.
Dende a agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense destacan que esta iniciativa ten como obxectivo “fomentar o diálogo, a reflexión colectiva e a busca de solucións ante problemas que preocupan á sociedade”, neste caso centrados na prevención dos incendios forestais, unha cuestión especialmente relevante en Ourense e Galicia.
A través deste formato, a organización busca achegar o debate social e político á veciñanza e promover un espazo aberto de intercambio de coñecemento e propostas.