O PSdeG de Ourense pide á Xunta que impulse medidas complementarias fronte á crise dos aranceis de Trump

O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao Partido Popular, e concretamente a Alfonso Rueda e a Alberto Núñez Feijóo, que apoien o Decreto Lei impulsado polo Goberno e no que se activa o Plan Nacional de Resposta e Relanzamento Comercial, que mobilizará 14.100 millóns de euros, como resposta a guerra comercial aberta por Trump a través dos aranceis. As e os socialistas tamén instan ao presidente da Xunta e líder do PP de Galicia a por en marcha medidas de apoio aos sectores afectados en Galicia e na provincia de Ourense, a través de axudas complementarias ás que está habilitando o Goberno central.
O senador, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, fan fincapé en que o apoio do PP a estas medidas “é vital para o tecido produtivo e o emprego en Ourense e en Galicia”. Neste senso sinalan que “a provincia xógase moito” e destacan que “precisamos un presidente da Xunta que estea altura das circunstancias, como o está o Goberno do Estado, activando 14.100 millóns de euros en axudas”. A e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense en Madrid tamén lle piden aos populares que “deixen de por paus nas rodas e de obstaculizar medidas que son boas para o tecido produtivo e o emprego en Ourense, en Galicia e en España”.
Deputada e senador coinciden en que “é necesario que o goberno galego tamén se implique na adopción de medidas e en habilitar axudas aos sectores máis afectados na provincia como son o sector o textil, o dos compoñentes elecrtrónicos, a loisa, o aceite e o viño”. Villarino e Martín subliñan que “estes sectores son claves para o PIB e para o emprego en Ourense e están directamente ameazados polos aranceis”. Tamén apuntan que “a internacionalización é un éxito colectivo que non podemos poñer en risco” e cifran en 41,3 millóns os custes que aumentarán debido aos aranceis nos mencionados sectores.
Villarino e Martín destacan a “encomiable” labor do Goberno, con Pedro Sánchez á cabeza, que tal e como afirman “deu resposta dende o primeiro momento a esta guerra comercial, axudando e protexendo as empresas e ao emprego e apostando por reorientar a capacidade produtiva e relanzala no novo contexto global”. O senador e a deputada critican que o líder do PP de Galicia, Alfonso Rueda, “minimice a crise dos aranceis, en lugar de asumir a súa responsabilidade” e láianse de que “unha vez máis, a Xunta chega sen propostas a reunión co Goberno e sae pedindo máis cartos, pero sen aportar alternativas”.
“Rueda debe deixar de pórse de perfil e apoiar este plan do Goberno para que as empresas da provincia de Ourense tamén se beneficien”, afirman a deputada e o senador socialistas. Neste senso critican a postura do presidente da Xunta, rexeitando unha xuntanza co líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para traballar conxuntamente ante esta crise. “As e os socialistas propomos medidas realistas e urxentes, como as que se están impulsando noutras comunidades, xa que precisamos de accións concretas como axudas complementarias, buscar novos mercados e apostar pola dixitalización”.
Por último, a e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense nas Cortes Xerais subliñan que “é o momento de que o PP estea a altura” e apuntan a que “é o momento de apoien ao Goberno, de arrimar o ombreiro e non pórse de perfil como fixeron durante a pandemia ou a crise de Ucraína”. Neste senso afirman que “ou se está cos produtores, as empresas e os traballadores ou se está cos socios de Trump, xa que é agora cando hai que protexer o tecido produtivo e por elo deben amosar o seu compromiso e deixar de facerlle as beiras aos que apoian a un goberno que ataca os intereses comerciais do país”.