O PSdeG de Ourense pide erradicar os discursos de odio contra o colectivo LGTBI

OurenseXa
Os socialistas piden tamén que o executivo de Jácome apoie festivais de cine, eventos deportivos e outros acontecementos que fomenten a inclusión do colectivo LGBTI
Orgullo LGTBI
Bandeira LGTBI
1 Xul 2024

A visibilidade e apoio ao colectivo LGBTI continúa sendo unha prioridade para o grupo municipal socialista e por ese motivo defenderán, na vindeira sesión ordinaria do pleno de xullo, unha iniciativa para un conseguir “erradicar os discursos de odio e a discriminación que sofren” estas persoas, tal e como explica a edil do PSdeG no Concello de Ourense Cristina Cruz.

“En 2005, fomos o terceiro país en recoñecer o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o primeiro en permitir a adopción por familias homoparentais, marcando un antes e un despois na sociedade española. En 2007, fomos tamén pioneiros na regulación da rectificación do sexo rexistral que mellorou os dereitos das persoas trans e LGBTI en ámbitos como Sanidade e Educación, prohibindo as mal chamadas terapias de conversión, recoñecendo o dereito á filiación ás parellas de mulleres e outros aspectos que melloran a vida das persoas”, recolle o texto rexistrado.

“O aumento dos discursos de odio representa unha seria ameaza para os dereitos humanos e a convivencia pacífica. Estas manifestacións non só xeran división e promoven a discriminación, senón que tamén poden derivar en actos de violencia física, verbal e emocional”, argumenta a socialista sobre a moción para a que agardan conseguir o respaldo dos grupos da oposición.

Neste senso, entre os puntos de acordo a aprobar atópase a necesidade de impulsar un Acordo Municipal contra os Discursos de Odio co obxectivo de eliminar a discriminación e todos os obstáculos que continúan impedindo que estas persoas poidan desenvolver os seus proxectos vitais en condicións de igualdade. Así como instar ao executivo municipal a impulsar e colaborar co tecido asociativo que promove o respecto á diversidade e as redes de apoio para as vítimas.

“Non podemos ser indiferentes ante a inxustiza e debemos actuar contra quen a promove. Temos que ser firmes á hora de defender o dereito á igualdade de trato. Así as cousas, o grupo socialista considera de urxencia que se fomenten actuacións para a recuperación de programas municipais, promovidos en anteriores mandatos, e suprimidos ou reducidos polo PP e Democracia Orensana”, sinala Cruz.

Tamén se solicita no texto da moción que o executivo de Jácome apoie festivais de cine, eventos deportivos e outros acontecementos que fomenten a inclusión do colectivo LGBTI e reclama incorporar material especializado en diversidade nas bibliotecas municipais.

“Non nos podemos conformar. Non podemos pechar os ollos a unha realidade que moitos prefiren non ver”, remata contundente a edil.

0.17846989631653