O PSdeG de Ourense reclama políticas estables de apoio ao comercio local máis aló dun bono puntual

OurenseXa
A oposición municipal socialista pide un plan continuo de apoio ao pequeno comercio e á vivenda, no canto de axudas puntuais que, ao seu xuízo, non deixan pegada na cidade
natalia-gonzalez
Imaxe de arquivo
16 Oct 2026

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense votou en contra da modificación orzamentaria que pretendía mobilizar 10 millóns de euros a través dun bono comercio de 100 euros por beneficiario. A decisión tomouse durante un pleno extraordinario celebrado esta mañá, no que as socialistas defenderon que a medida non supón unha mellora real da política económica municipal, senón unha inxección de diñeiro puntual, que ademais chega a sete meses das eleccións locais de maio de 2027.

A voceira do PSdeG e candidata á Alcaldía, Natalia González, subliñou que a súa formación respalda o comercio da cidade, pero cuestionou destinar unha partida tan elevada sen un obxectivo claro. Lembrou ademais que o goberno municipal non repetira unha iniciativa deste tipo dende 2023, xusto antes das anteriores eleccións municipais, o que ao seu entender evidencia o carácter electoralista da proposta.

Durante a súa intervención, González pediu ao rexedor que explicase que medidas impulsara ao longo dos seus dous mandatos para soster e fomentar o comercio local máis aló dos dous bonos comercio aprobados ata agora. Reclamou, en concreto, iniciativas en materia de vivenda e comercio que freen a saída de poboación cara a outras localidades, así como axudas para recuperar locais baleiros, apoios aos pequenos negocios e plans de modernización das zonas comerciais.

A secretaria xeral do PSdeG en Ourense pediu así mesmo visión de futuro á hora de investir os fondos públicos. Afirmou que, nos case oito anos de goberno de Gonzalo Pérez Jácome, o equipo de goberno non incorporou ningunha das propostas presentadas polas socialistas en materia de vivenda, urbanismo, economía ou comercio, especialmente dende 2023.

González formulou como alternativa destinar eses 10 millóns de euros á rehabilitación de vivenda baleira para poñela no mercado de aluguer accesible, así como a impulsar a apertura de novos negocios. Segundo indicou, este tipo de actuacións esixiría planificación e unha xestión económica máis rigorosa. "A diferenza con vostede é que nós queremos que eses 10 millóns deixen pegada na cidade cando se gasten", concluíu.

0.16062808036804