O PSdeG de Ourense reclama un plan específico para impulsar o comercio no casco histórico da cidade

OurenseXa
Alertan de que o pequeno comercio non pode competir coas grandes superficies comerciais e piden medidas centradas no apoio directo ao sector
alba-iglesias-maria-fernandez-natalia-gonzalez-psdeg-psoe-ourense
16 Apr 2026

O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense demanda a posta en marcha dun plan integral dirixido a revitalizar o comercio do casco histórico da cidade, tendo en conta as súas características particulares e as necesidades do pequeno comercio asentado nesta zona.

Desde o grupo socialista subliñan que esta área urbana presenta unha realidade diferente ao resto de espazos comerciais da cidade, marcada por unha menor accesibilidade en vehículo privado pero cun importante valor patrimonial e un modelo de actividade baseado no paseo e na experiencia urbana. “Non podemos pretender que compita en igualdade de condicións coas grandes superficies; debemos reforzar aquilo que o fai único”, sinala a voceira socialista, Natali González.

Entre as medidas propostas, as socialistas plantexan un conxunto de accións de apoio directo ao pequeno comercio, como bonificacións fiscais específicas para os establecementos da zona, incluíndo reducións no IBI e nas taxas municipais. Tamén propoñen liñas de axuda para a rehabilitación de baixos comerciais, mellora de fachadas, iluminación e escaparates.

Outra das iniciativas expostas é a creación dun programa de alugueiro bonificado, no que o Concello actúe como intermediario para facilitar a ocupación de locais baleiros e frear a degradación comercial, ao tempo que se favorece a chegada de novos proxectos empresariais. González Benéitez lembra ademais que estas propostas teñen continuidade noutras iniciativas previas, sumándose “ás propostas que xa defendimos en pleno hai un ano, e sobre as que nada se fixo, en materia de vivenda para que a recuperación do casco histórico sexa integral e transversal”, engade a portavoz e secretaria xeral do partido na cidade.

No apartado da mobilidade, o PSdeG-PSOE considera prioritario mellorar a accesibilidade sen incrementar o tráfico no interior da zona histórica. Para iso, propoñen a creación de aparcadoiros disuasorios e acordos con estacionamentos próximos que inclúan descontos vinculados ao consumo no comercio local.

As socialistas tamén apostan pola modernización dixital do comercio do casco histórico, cunha plataforma común que funcione como catálogo de establecementos e permita servizos como o “click & collect”. Así mesmo, propoñen campañas de promoción conxunta en redes sociais e formación gratuíta para comerciantes en ferramentas dixitais básicas.

Finalmente, o grupo municipal insiste en que estas medidas dan continuidade ao traballo realizado nos últimos anos en apoio ao comercio local e á rehabilitación urbana. “Xa esiximos axudas ao comercio local, rehabilitación e melloras urbanas. Agora toca converter o casco histórico nun espazo comercial vivo, con identidade propia e actividade constante”, conclúe González Benéitez.

0.1173038482666