O PSdeG de Ourense reclama un plan urxente para axudar aos concellos fronte aos inmobles en estado de ruína

O Grupo Provincial Socialista defenderá no pleno da Deputación de Ourense do vindeiro 23 de xullo unha moción coa que solicita a posta en marcha dun plan de apoio aos concellos para afrontar a xestión de edificacións en estado de ruína ou con risco de derrube, unha problemática que, segundo asegura, afecta de forma crecente aos municipios da provincia.
A deputada provincial socialista Eva Pérez Gamote sostén que esta é "un dos maiores problemas aos que se enfrontan hoxe os alcaldes e alcaldesas da provincia", xa que os concellos "vense limitados á hora de actuar diante de inmobles que supoñen un risco para a veciñanza".
Segundo explicou, a situación é xeneralizada en boa parte do rural ourensán e constitúe "un problema estrutural para o que os concellos non teñen nin as ferramentas nin os orzamentos necesarios para facerlle fronte".
Desde o PSdeG lembran que a Lei do Solo atribúe ás persoas propietarias a obriga de conservar os inmobles en condicións de seguridade, pero denuncian que nos pequenos municipios resulta moi complicado aplicar esta normativa. Entre os obstáculos sinalan a dificultade para localizar aos propietarios, a existencia de herdanzas sen resolver ou de titulares descoñecidos, circunstancias que, segundo indican, prolongan os expedientes mentres continúa o deterioro dos edificios.
Os socialistas consideran que esta realidade deixa aos concellos "nunha absoluta indefensión", ao verse obrigados a asumir responsabilidades sen contar cos medios técnicos nin coa capacidade económica necesaria.
A moción propón que a Deputación de Ourense cree un plan provincial dotado de financiamento específico e asistencia técnica especializada para facilitar a tramitación dos expedientes e executar actuacións cando exista risco para as persoas ou os bens.
Ao mesmo tempo, a iniciativa insta á Xunta de Galicia a impulsar un plan autonómico estable que permita financiar actuacións de conservación, consolidación ou demolición de inmobles, simplificar os procedementos administrativos e crear un Banco Galego de Edificacións en Estado de Ruína ou Abandono co obxectivo de favorecer a recuperación destes inmobles para novos usos sociais, residenciais ou económicos.
"Levamos esta moción para que tanto a Deputación como a Xunta deixen de mirar cara outro lado e lles dean aos concellos as ferramentas e os orzamentos que necesitan para resolver un problema que, en moitos casos, xa é unha cuestión de seguridade pública e tamén de salubridade", afirmou Eva Pérez Gamote.
O Grupo Provincial Socialista considera ademais que a proliferación de inmobles abandonados contribúe á degradación do patrimonio arquitectónico tradicional e da imaxe dos núcleos rurais, polo que reclama unha resposta coordinada entre administracións que permita actuar con maior rapidez, especialmente nos municipios con menor capacidade económica e de xestión.
"Os concellos non poden seguir afrontando sós un problema que medra ano tras ano. É o momento de que a Deputación cumpra coa súa función de cooperación municipal e de que a Xunta asuma tamén a súa responsabilidade para protexer o rural ourensán", conclúen os socialistas.