O PSdeG de Ourense reclama á Xunta a construción dun novo Polideportivo na cidade

OurenseXa
Dende o grupo municipal do PSdeG lembran que se trata dunha demanda histórica e reclamarán unha partida nos orzamentos da Xunta de 2025 para a súa construción
Natalia González e Carmen Rodríguez Dacosta, PSdeG de Ourense
10 Xul 2024

A voceira do grupo socialista, Natalia González Benéitez, trasladou recentemente no Consello Municipal de Deportes (CMD), e en anteriores ocasións, a necesidade de acadar un compromiso institucional real para a construción dun novo pavillón deportivo que sirva para a práctica da ximansia nas súas diversas disciplinas.

Todo elo logo de que a mediados de xuño o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciase ditas instalacións deportivas mais confirmar o rexedor e o edil de Deportes, Anibal Pereira, que só se trataba dunha declaración “de intencións diante dunha demanda histórica” dos clubs da cidade. “É o momento de materializar as promesas con presupostos, tanto por parte do executivo local como do autonómico, e de que se poñan a traballar para solventar esta eiva”, defende a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

Dende o grupo municipal socialista lembran que se trata dun compromiso que xa se puxo enriba da mesa varias veces -a primeira durante o executivo bipartito de PSdeG e BNG ao detectaren os socialistas a necesidade destas instalacións- e que se elaborara un Plan Director e un Estudo Xeotécnico para o seu emprazamento pero que non chegou a concretarse.

Así as cousas, a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta presentará unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 1ª para instar á Xunta de Galicia a que inclúa nos orzamentos do ano 2025 a consignación orzamentaria suficiente para executar as obras de construción dun novo polideportivo especializado, na zona sur da cidade, para a práctica da ximnasia en todas as súas diferentes especialidades.

Incide neste senso en que, en febreiro de 2014, o entón delegado territorial do goberno autonómico en Ourense, en rolda de prensa, sinalaba que a finca Mariñamansa contaría cun polideportivo que se convertería en referente da ximnasia en toda Galicia e recoñecía non existir un lugar adecuado para o desenvolvemento de campionatos deste deporte. “Prometía entón a construción dun pavillón multiusos que disporía dunha tecnificación axeitada para o desenvolvemento dos e das deportistas de alto nivel en todas as modalidades e que o proxecto contaría cun presuposto estimado de 3 millóns de euros”, expón o texto rexistrado para o seu debate.

“Ante a parálise do proxecto, e a necesidade das persoas deportistas para adestrar nunhas instalacións dignas, o grupo parlamentario socialista cre necesario que haxa unha aposta real e un compromiso económico que materialice esta demanda histórica e que constitúe outra promesa incumprida pola Xunta de Galicia cara á cidade de Ourense”, sinala a deputada.

0.20642113685608