O PSdeG de Ourense reivindica no 1 de maio a modernización da prevención de riscos laborais

O PSdeG-PSOE de Ourense conmemorou este 1 de maio o Día Internacional do Traballo cun acto no que combinou reivindicación, análise e lembranza do movemento obreiro, poñendo o acento nos desafíos actuais do mercado laboral, especialmente na modernización da prevención de riscos.
A cita incluíu a tradicional ofrenda floral ante o busto de Pablo Iglesias, fundador do partido e do sindicato UGT, e contou coa participación da secretaria xeral do PSOE na cidade, Natalia González, o secretario provincial, Álvaro Vila; e a secretaria xeral de UGT Ourense, Noemí Álvarez.
Durante a súa intervención, González subliñou o valor simbólico da data, lembrando que o 1 de maio “é o recordo vivo de xeracións de traballadoras e traballadores que loitaron por conquistar dereitos fundamentais”, e advertiu de que estes avances “non son definitivos, senón logros que debemos defender e actualizar cada día”.
No encontro tamén se destacou a figura de Pablo Iglesias como referente histórico na defensa da xustiza social e do papel das clases traballadoras na construción política.
A responsable socialista puxo ademais o foco na evolución recente do emprego, asegurando que “nun contexto internacional complexo, o noso país segue medrando por riba da media europea, creando emprego e acadando cifras históricas de afiliación á Seguridade Social”, especialmente no relativo ao incremento da contratación indefinida. Ao seu xuízo, estes datos “son o resultado dun proxecto político que aposta pola estabilidade, pola responsabilidade e pola dignidade no emprego”.
Con todo, tamén advertiu de que persisten retos relevantes como a precariedade, as desigualdades ou os efectos da dixitalización, aos que se suma a necesidade de adaptar a prevención de riscos laborais ás novas realidades. Neste sentido, valorouse o impulso do Goberno de Pedro Sánchez para actualizar a normativa, incorporando cuestións como a saúde mental, a perspectiva de xénero e o impacto das novas tecnoloxías.
O acto serviu así para reafirmar o compromiso do PSdeG-PSOE de Ourense coa defensa dun emprego digno e coa construción dunha sociedade máis xusta e equilibrada.