O PSdeG de Ourense súmase á mobilización en defensa do Hospital de Verín

O PSdeG-PSOE de Ourense confirmou o seu apoio á manifestación convocada pola Plataforma pola Sanidade Pública para o vindeiro 1 de agosto, ás 19.30 horas, con saída desde o centro de saúde de Verín. A formación socialista fai un chamamento á participación da cidadanía de toda a comarca para reivindicar unha sanidade pública de calidade e reclamar solucións para a situación que atravesa o Hospital Comarcal de Verín.
O secretario provincial do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, defendeu a necesidade de acudir á mobilización para reclamar que se reverta a perda de servizos sanitarios e advertiu de que a veciñanza non está disposta a asumir un progresivo debilitamento da asistencia pública na comarca.
Os socialistas sosteñen que o hospital vén sufrindo un deterioro continuado da súa capacidade asistencial. Entre as principais carencias sinalan a desaparición do servizo de Hospitalización a Domicilio, o traslado da Clínica da Dor a Ourense, a ausencia dun especialista en Cardioloxía desde finais de 2024, as demoras en especialidades como Oftalmoloxía e Neuroloxía e a derivación de determinadas intervencións cirúrxicas á sanidade privada.
Segundo Vila, esta situación obriga a numerosos pacientes a desprazarse fóra da comarca para recibir atención médica que anteriormente se prestaba no propio hospital, unha circunstancia que considera especialmente prexudicial nun territorio cunha poboación envellecida e dispersa.
O PSdeG insta á Xunta de Galicia e ao Sergas a adoptar medidas inmediatas para reforzar os recursos humanos e asistenciais do centro hospitalario e recuperar os servizos perdidos. Ao mesmo tempo, destaca o traballo desenvolvido pola Plataforma pola Sanidade Pública, que leva semanas organizando concentracións diante do Hospital de Verín e que agora promove esta manifestación para visibilizar o malestar existente.
Os socialistas agradecen a implicación das persoas mobilizadas e insisten en que a protesta busca defender un sistema sanitario público que garanta unha atención en igualdade de condicións para toda a cidadanía, con independencia do lugar no que resida.