O PSdeG denuncia a exclusión de Ourense dos Proxectos Industriais Estratéxicos da Xunta

O Grupo Provincial Socialista denunciou a falta de iniciativas en Ourense dentro dos 16 Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) declarados pola Xunta de Galicia, unha situación que consideran un exemplo de desequilibrio territorial na distribución do investimento autonómico.
Segundo sinalou o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, acompañado por membros do grupo socialista, “Ourense é a única provincia galega completamente ausente dos 16 PIE declarados polo goberno autonómico”, que, segundo os datos achegados polos socialistas, mobilizarán máis de 2.200 millóns de euros e prevén a creación de máis de 4.300 postos de traballo.
Os socialistas sosteñen que a distribución destes proxectos é “profundamente desequilibrada”, ao non incluír actuacións na provincia. Neste sentido, tamén apuntaron a outras operacións recentes de captación de investimento exterior nas que, ao seu xuízo, se repetiría esa tendencia.
Para o PSdeG, esta situación resulta difícil de xustificar tendo en conta os recursos e infraestruturas da provincia. Entre eles mencionan o polígono industrial de San Cibrao das Viñas, o seu potencial enerxético, a conexión ferroviaria de alta velocidade e a súa posición fronteiriza con Portugal. Tamén destacan o corredor mineralóxico Penouta-Forcarei, con recursos estratéxicos de alto valor económico, segundo estudos da Universidade de Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Vila criticou a postura do Partido Popular na provincia, afirmando que “o PP de Ourense volve ao pasado: xuntanzas de maiores, empanada e pulpo con cartos públicos”, e acusouno de manter “un silencio absoluto” ante a falta de proxectos industriais para a provincia.
Dos 16 proxectos aprobados, os socialistas indican que 15 se sitúan nas provincias atlánticas e un en Lugo, sen ningún destinado a Ourense, o que consideran unha mostra clara de discriminación territorial.
A moción presentada polo grupo socialista na Deputación de Ourense reclama que o Pleno se posicione en contra desta situación, que se incorporen criterios de equidade territorial na planificación dos futuros PIE e que se elabore un plan específico de captación de investimento industrial para a provincia. Tamén solicitan información sobre as xestións realizadas polo goberno provincial ante a Xunta durante o actual mandato.
“O Ourense non pode seguir pagando o prezo dun modelo industrial que o exclúe sistematicamente”, concluíu Vila.