O PSdeG denuncia o “abandono” da Xunta cos concellos da provincia de Ourense

O voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, denunciou que “a política de financiamento da Xunta de Galicia está a asfixiar os concellos da nosa provincia, deixándoos sen recursos esenciais para facer fronte ás súas competencias e desenvolver políticas acaídas coas necesidades da veciñanza”. Esta declaración vén amparada polos datos revelados polo Consello de Contas, que confirmou que o goberno galego deixou de transferir aos municipios un total de 91 millóns de euros comprometidos nos orzamentos de 2023.
No pleno da Deputación de Ourense do pasado 28 de marzo, o Grupo Provincial Socialista presentou unha moción para esixir unha mellora do financiamento dos concellos da provincia. “As alcaldesas e alcaldes da nosa provincia están a ter que tomar decisións duras sen dispor dos recursos necesarios, coa agravante de ter que asumir cada vez máis competencias que non lle son propias e cuxo financiamento debera ser asumido pola Xunta. É unha situación a todas luces insostible”, laiouse Vila. Segundo este, “é inaceptable que o goberno de Alfonso Rueda actúe con tanta deslealdade institucional!”.
“Non podemos permitir que os municipios dependan das migallas que lle sobran á Xunta. Precisamos un sistema de financiamento xusto e equitativo que garanta a prestación de servizos públicos de calidade en todos os concellos da provincia”, sinalou Vila. Segundo o Consello de Contas, só se transferiu un 0,1% dos fondos europeos asignados por o Estado ás entidades locais no territorio galego. Ademais, o devandito informe da conta de até 23 concellos que se atopan nunha situación financeira “comprometida”, entre eles varios gobernados polo PSdeG, como A Gudiña, Calvos de Randín, Maceda e Melón.
Compromiso socialista cos concellos
“Semellante desleixo amosa a falta de respecto da Xunta no cumprimento das súas obrigas, deixando aos municipios nunha situación delicada e, por extensión, a veciñas e veciños, que son os que se ven realmente afectados en último termo”, subliña o voceiro socialista. “Porque o máis preocupante é o impacto deste infrafinanciamento na vida das persoas, que teñen dereito a desfrutar dunha administración forte, capaz de ofrecer servizos de calidade en educación, saúde, mobilidade e outras prestacións básicas independentemente do seu lugar de residencia”, engadiu Vila.
O informe recomenda á Deputación de Ourense o reforzamento da asistencia técnica, xurídica e económica dirixida aos concellos da provincia. Amais, Vila tamén chamou a atención sobre outro dato preocupante que salienta o informe do Consello de Contas, a saber, que a Xunta concede un de cada cinco contratos sen concorrencia competitiva. “Isto fai pensar que hai un problema grave de transparencia e eficiencia na forma na que se xestionan os recursos públicos. Non podemos permitir que o clientelismo e a falta de control sexan moeda común na administración autonómica”, lanzou o voceiro socialista.
Para rematar, Álvaro Vila reiterou o compromiso do Grupo Provincial Socialista coa defensa dos intereses dos concellos da provincia. “Desde o PSdeG-PSOE seguiremos a traballar arreo para garantir que os nosos municipios teñan os recursos necesarios para levar adiante os proxectos que melloran a calidade de vida das persoas. Pedimos seriedade e responsabilidade ao goberno da Xunta, porque os veciños e veciñas de Ourense merecen algo máis que promesas rotas”, concluíu Vila.