O PSdeG do Concello de Ourense promove unha declaración institucional contra o colectivo LGTBI

OurenseXa
O texto insta ás administracións públicas competentes a intensificar as accións dirixidas a erradicar a LGBTIfobia e calquera forma de discriminación e odio, mediante políticas educativas, campañas de sensibilización e o apoio ás vítimas
Alba Iglesias e Natalia González, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
23 Out 2024

As e os socialistas do Concello de Ourense promoverán unha declaración institucional para condenar a agresión homófoba que causou o asasinato de Samuel Luiz e expresar o rexeitamento máis firme da Coporación “ante calquera forma de violencia e odio motivada pola orientación sexual ou a identidade de xénero”.

“Este asasinato, que conmocionou á toda a sociedade, puxo de manifesto, unha vez máis, a persistente e violenta LGTBIfobia que segue presente no noso país”, expón a portavoz do PSdeG e secretaria do partido en Ourense, Natalia González, sobre o suceso que tivo lugar o 4 de xullo de 2021. “A resposta social foi inmediata reclamando políticas máis contundentes para protexer os dereitos do colectivo LGBTI e garantir unha convivencia libre de odio e discriminación”, engade.

Dende o grupo municipal socialista entenden que é necesario instar ás administracións públicas competentes a intensificar as accións dirixidas a erradicar a LGBTIfobia e calquera forma de discriminación e odio, mediante políticas educativas, campañas de sensibilización e o apoio ás vítimas, tal e como se recolle no texto da declaración institucional proposto. Así como trasladar o apoio e a solidariedade á familia e amigos de Samuel Luiz, e compromiso coa Xustiza.

“Este crime non é un feito illado. Os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento. Segundo os datos do Ministerio do Interior, estes duplicáronse en Galicia nos últimos cinco anos, amosando unha tendencia preocupante que require unha resposta firme e coordinada por parte das institucións”, lamenta a voceira do PSdeG.

Neste senso, as e os socialistas sinalan que o xuízo polo asasinato de Samuel Luiz representa un momento clave non só para facer xustiza, senón tamén para reafirmar o compromiso das administracións na loita contra a LGBTIfobia. E consideran que as políticas públicas “deben centrarse en previr estes delitos, protexer ás vítimas e fomentar unha cultura de respecto pola diversidade”.

“A violencia e a LGBTIfobia non poden ter cabida nunha sociedade que aspira á igualdade e á convivencia pacífica”, remata contundente Natalia González.

0.16958904266357