O PSdeG e Xuventudes Socialistas de Ourense reivindican a memoria das vítimas do exilio na Casa do Pobo

OurenseXa
A xornada incluíu unha homenaxe a Juan Negrín e unha chamada a manter viva a memoria democrática
xornada-psoe-ourense
9 May 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas celebraron este venres un acto na Casa do Pobo con motivo do Día de Recoñecemento das Vítimas do Exilio, centrado na recuperación da memoria democrática e no recordo das persoas obrigadas a abandonar España tras o golpe de Estado de 1936 e a ditadura franquista.

A actividade incluíu a proxección do documental “La tragedia del buen doctor: la historia de Juan Negrín”, dedicado á figura do médico e político socialista que presidiu o Goberno da Segunda República entre 1937 e 1939.

Tras a proxección, tiveron lugar varias intervencións nas que se puxo en valor a necesidade de preservar a memoria histórica e de reforzar os valores democráticos. Desde a organización sinalouse que este tipo de actos “pretenden contribuír á recuperación e dignificación da memoria das vítimas republicanas” e que resulta fundamental “manter viva a memoria democrática e os valores de liberdade, xustiza e solidariedade”.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, Miguel Gómez, definiu o exilio como “esa cela chamada exilio” e lembrou que “en Galicia, non só por problemas económicos, senón tamén políticos, moitos tiveron que fuxir deixando atrás as súas vidas e as súas familias”. Ademais, advertiu de que “o que os nosos avós, bisavós e familiares viviron hai anos segue vixente hoxe en día” e defendeu que “España é filla da emigración e non pode ser nai da xenofobia”.

Pola súa parte, a deputada Marga Martín destacou que “o 8 de maio é un día para lembrar e para facer xustiza” e reivindicou o papel das persoas represaliadas por defender “a democracia, a liberdade, a legalidade republicana, a cultura e os dereitos sociais”. Tamén afirmou que a Lei de Memoria Democrática é “unha lei imprescindible”, ao considerar que “unha democracia madura non pode construírse sobre o silencio nin sobre o esquecemento”.

Martín puxo tamén o foco na dimensión de xénero da represión ao sinalar que “a represión franquista non foi neutra, senón profundamente machista” e reclamou o recoñecemento das mulleres represaliadas, asegurando que “as mulleres encerradas polo Patronato forman parte da nosa memoria democrática” e que “lembrar non é abrir feridas; lembrar é pechalas con verdade, xustiza e reparación”.

A vicesecretaria xeral provincial, Carmen Rodríguez, subliñou a relevancia histórica do exilio na traxectoria do PSOE e sinalou que o feito de que persoas se visen obrigadas a abandonar o país supuxo “un desgarro dificilmente superable”. Engadiu que ese legado “concérnenos non só dende a solidariedade humana, senón tamén como socialistas herdeiros dun ideal que os exiliados defenderon a tan alto prezo”.

Finalmente, Xosé Lois Carrión centrou a súa intervención en Juan Negrín, ao que definiu como “vítima por partida dobre”, lembrando que foi expulsado do PSOE e posteriormente rehabilitado. Segundo indicou, Negrín foi readmitido a título póstumo no XXXVII Congreso Federal do partido no ano 2008.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas destacaron que este tipo de actos buscan manter viva a memoria democrática e reforzar a conciencia histórica, subliñando a importancia de “manter viva a memoria democrática e os valores de liberdade, xustiza e solidariedade”.

0.12009382247925