O PSdeG en Ourense reunirase cos veciños da Ponte e O Vinteún

OurenseXa
Ante os actos vandálicos e os roubos, o grupo municipal socialista convocará esta mesma semana a todas as asociacións de veciños
Carmen Dacosta e Natalia González, grupo muniicpal socialista do Concello de Ourense
27 Ago 2024

Durante este mes de agosto, o PP de Ourense –a través das súas deputadas no Congreso e no Parlamento, Ana Belén Vázquez e Noelia Perez, respectivamente– denunciaron, cunha pequena representación da veciñanza da rúa Río Arnoia, a grave situación que vivían ante a suposta “inacción” de ADIF e o Executivo de España nas naves abandonadas desa zona que empregan persoas sen teito.

Tanto o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, como o propio ADIF saían públicamente a explicar nos medios de comunicación as actuacións que se estaban a levar a cabo, dende fai xa un ano, para solventar esta situación e reuníndose tamén cos propios veciños e veciñas, acompañados de profesionais e representantes das forzas de seguridade.

“Consideramos que, ante estes feitos obxectivos, só cabe escoitar á cidadanía e trasladar e instar ás administracións competentes a problemática para a toma das decisións precisas para garantir a seguridade das persoas, sen xerar alarmismo e coa máxima responsabilidade social”, explica a secretaria xeral do PSdeG en Ourense e portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González, ante unha situación que este mesmo verán, e dende fai un tempo, xera unha certa preocupación para aquelas persoas que viven nos barrios da Ponte, O Pino e O Vinteún.

Ante os actos vandálicos e os roubos levados a cabo en varias ocasións por persoas adictas e dependentes de substancias, o grupo municipal socialista convocará esta mesma semana a todas as asociacións veciñais dos mencionados barrios para actualizar e ampliar todas as súas demandas neste ámbito, para facilitar que “poidan canalizalas a través da Subdelegación do Goberno e co compromiso de defendelas no Concello”, segundo traslada a voceira do PSdeG.

Neste senso, e logo de que o Partido Popular publicase onte un vídeo nas súas redes sociais no que atribuían declaracións do subdelegado do goberno en Ourense ao seu homólogo en Pontevedra, mentres aparecía unha foto do segundo, dende a Comisión Executiva Municipal trasladan que lamentan que o único interese do PP sexa lanzar unha clara campaña de alarmismo para ir contra o PSOE de Pedro Sánchez.

“Recomendámoslles que comecen por documentarse e saber quen é o noso subdelegado do Goberno no seu intento desesperado de botar culpas aos socialistas e vender fume”, sinala a secretaria xeral. “O ‘hooliganismo’ de Ana Belén Vázquez e Noelia Pérez contra o Presidente non ten nada que ver coa súa preocupación pola problemática nin pola veciñanza en Ourense, só van a sacar a foto e dicir que a culpa é do PSOE, o resto é irresponsabilidade política”, remata.

0.17270994186401