O PSdeG presenta na Xunta unha serie de iniciativas para reformar o CEIP de Luintra
O PSdeG-PSOE de Ourense presenta no Parlamento de Galicia diferentes iniciativas para instar á Xunta á realización dun plan integral de reforma do CEIP de Luintra. As e os socialistas consideran “urxente” unha reforma integral do centro de ensino e que o goberno galego presente de forma inmediata un proxecto e consigne o orzamento necesario para levar a cabo as obras pertinentes.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas para que se leve a cabo esta reforma integral no CEIP de Luintra. O paso do tempo e a ausencia de reformas por parte da Xunta de Galicia provocou que este centro de ensino se atope nunhas condicións “moi afastadas das que debería reunir o un centro educativo”. Cabe destacar que a propia comunidade educativa xa informou a Consellería de Educación desta problemática, pero a día de hoxe o goberno galego non realizou as intervencións necesarias.
Rodríguez Dacosta afirma que dende o PSdeG-PSOE “defendemos un ensino de calidade, equitativo e igualitario no rural de Ourense”, pero tal e como apunta a Xunta opta “por criterios economicistas e non realiza os investimentos necesarios nos concellos ourensáns tanto en persoal como en infraestruturas”. En relación ao colexio de Luintra a parlamentaria autonómica subliña que “presenta numerosas deficiencias, que deben ser arranxadas no menor tempo posible”.
A representante das e dos socialistas ourensáns no Parlamento de Galicia relata numerosas deficiencias nas instalacións. Tal e como explica “o peche perimetral do patio escolar atópase en mal estado en varios tramos e é un perigo para o alumnado; a cámara refrixerada da cociña non funciona correctamente; as ventás son moi antigas e non illan, filtrando frío e calor; o persoal de cociña non conta con baño nin vestiario; existen tres baños en mal estado no piso superior e 2 no comedor; as portas de acceso están deterioradas; falta de limpeza de canlóns; hai humidades na fachada, e graves problemas ca luz; con continuos problemas no cadro eléctrico e carencia de corrente nas aulas”.
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE en Nogueira de Ramuín, Óscar Sánchez Yáñez, subliña que as e os socialistas “esiximos para as crianzas do municipio unha ensinanza de categoría, que pasa por ter o centro nunhas condicións idóneas, nas que funcionen os baños, a calefacción e os cadros eléctricos”. O edil socialista fai fincapé en que o concello “está actuando a base de parcheos cutres, como xa fixo noutras instalacións como o antigo centro de saúde, no que por non actuar a tempo, houbo que derrubalo e gastar 80.000 euros no derrubamento, en lugar de reformalo e crear un centro multiusos”.
Sánchez Yáñez apunta tamén a que “non podemos permitir que se peche o CEIP de Luintra”, xa que tal e como explica “queremos que as crianzas poidan estudar no municipio, sen ter que desprazarse a outros concellos limítrofes”. Neste senso recalca que “é necesario seguir tendo crianzas escolarizadas en Nogueira de Ramuín para que o concello non morra”. Por último, esíxelle ao goberno municipal “un mellor criterio a hora de gobernar” e que aposten por “un proxecto de concello no que se conten con instalacións apropiadas para a veciñanza”.