O PSdeG-PSOE da Merca amplía ante a Fiscalía a denuncia por un contrato millonario asinado en 2014 para unha residencia de maiores

OurenseXa
A formación socialista rexistra a terceira ampliación da súa denuncia penal e pide a nulidade de pleno dereito da adxudicación, ao detectar presuntas irregularidades na contratación e na capacidade da empresa adxudicataria
Carlos Sousa voceiro PSOE A Merca
3 Sep 2026

O PSdeG-PSOE da Merca, a través do seu voceiro municipal, presentou ante a Fiscalía Provincial de Ourense a terceira ampliación da súa denuncia penal relacionada coa licitación e adxudicación, en 2014, da residencia de maiores e centro de día de Rairiz de Veiga. A nova documentación céntrase nas presuntas irregularidades cometidas durante aquel proceso, tramitado baixo o goberno municipal popular da época.

O contrato, cunha duración prevista de 20 anos e un valor estimado de entre 7 e 8 millóns de euros, foi adxudicado a unha mercantil dedicada a servizos médicos. Segundo explican os socialistas, a operación reproduciría un patrón de actuación semellante ao que anos despois motivou a inhabilitación do entón rexedor popular, condenado por prevaricación tras desatender as advertencias da secretaria municipal.

Entre os feitos que a formación traslada á Fiscalía figura, en primeiro lugar, que a adxudicación se aprobou malia a existencia de informes técnicos desfavorables: un da traballadora social, que advertía do incumprimento dos ratios de persoal esixidos, e outro da secretaria-interventora municipal, que consideraba que a adxudicación non se axustaba a dereito.

En segundo lugar, o PSdeG-PSOE apunta a unha presunta falta de capacidade de obrar da empresa no momento da sinatura. Segundo a súa versión, a mercantil modificou o seu obxecto social ante notario a finais de 2013 para poder prestar servizos residenciais, pero ese cambio non quedou inscrito no Rexistro Mercantil ata outubro de 2014, varios meses despois de asinarse o contrato, en xuño dese ano.

Como terceiro punto, os socialistas sinalan unha posible incompatibilidade do responsable da empresa, quen na primavera de 2014 asinou unha declaración xurada asegurando non estar afectado por ningunha prohibición para contratar coa administración, malia desempeñar entón, segundo a denuncia, un posto de funcionario en activo dentro do sistema público de saúde galego.

Por último, a formación denuncia que non se calculou correctamente o valor estimado do contrato ao longo dos seus 20 anos de vixencia, o que tería permitido eludir a súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea e rebaixar de forma artificial as esixencias de solvencia ás empresas participantes.

De xeito paralelo á vía penal, o pasado 1 de setembro o PSdeG-PSOE rexistrou no Concello de Rairiz de Veiga un escrito solicitando a apertura dun expediente de revisión de oficio, co obxectivo de que, tras os informes técnicos oportunos, se declare a nulidade de pleno dereito do contrato, ao entender que os defectos detectados non serían subsanables.

Os socialistas insisten en que os feitos denunciados corresponden en exclusiva á xestión municipal de 2014 e desvinculan de calquera responsabilidade ao actual goberno local de Rairiz de Veiga, cuxa única obriga, sinalan, sería agora tramitar dito expediente para que a xustiza e o órgano consultivo correspondente se pronuncien.

A formación relaciona ademais este asunto co que cualifica de bloqueo institucional no Concello da Merca, onde aseguran que, tras prometerse en campaña electoral a creación dun centro de día, as mocións presentadas pola oposición nese sentido foron rexeitadas. Ao seu xuízo, esta postura podería implicar un conflito de intereses, na medida en que a posta en marcha de novos servizos públicos na Merca suporía competencia para concesións semellantes que operan en concellos próximos.

"A nosa obriga legal como cargos públicos é pór en coñecemento da xustiza calquera indicio de delito. Non facemos ruído político, facemos fiscalización pura, dura e sustentada en documentos oficiais", sinalou o voceiro socialista.

0.14895510673523