O PSdeG-PSOE da Merca retira as súas propostas do pleno e limita a súa acción á fiscalización do goberno local

O PSdeG-PSOE da Merca retira as súas propostas do pleno e limita a súa acción á fiscalización do goberno local
Os socialistas acusan ao executivo municipal de bloquear a actividade política e responden ás críticas do alcalde tras a denuncia penal presentada ante a Fiscalía
O PSdeG-PSOE da A Merca anunciou a retirada en bloque de todas as súas propostas e mocións do pleno municipal, incluíndo o plan estratéxico “Patios de Paz”, e confirmou que centrará a súa actividade exclusivamente na fiscalización do goberno local ata que, segundo sinalan, se produza unha “limpeza profunda e democrática” no Concello.
O voceiro socialista, Carlos Sousa, xustificou a decisión como unha resposta á situación de bloqueo institucional que, ao seu xuízo, se vive no municipio. O grupo sostén que non quere que as súas iniciativas poidan ser “manchadas” pola situación política actual nin utilizadas para mellorar a imaxe do executivo local.
“Non imos permitir baixo ningún concepto que os nosos proxectos sexan utilizados por este goberno para lavar a súa imaxe ou camuflar as súas vergoñas”, afirmou Sousa durante a súa intervención no pleno.
Os socialistas aseguran que a súa postura chega despois dun período prolongado no que, segundo explican, tentaron manter vías de diálogo e colaboración co goberno municipal. Con todo, consideran que esa actitude foi interpretada polo executivo como debilidade e denuncian unha deterioración da normalidade institucional.
En paralelo, o grupo municipal respondeu ás declaracións do alcalde, que cualificara como “invento” a denuncia penal presentada polo PSdeG-PSOE ante a Fiscalía Provincial. Nesa denuncia atribúense presuntos delitos de prevaricación administrativa continuada, falsidade en documento público e inxurias graves.
“Unha denuncia penal de 13 páxinas, fundamentada nun dossier exhaustivo con 300 folios de probas documentais, non é un invento nin unha perrencha. É o resultado de meses de traballo rigoroso ante un goberno que rompeu a normalidade institucional pola súa soberbia e as súas presuntas ilegalidades”, afirmou o voceiro socialista.
Sobre as acusacións do rexedor de que a iniciativa responde a unha estratexia electoral, Sousa rexeitounas e acusou ao goberno local de desviar a atención. Tamén criticou a xestión municipal en materia de seguridade e planificación urbanística, asegurando que se están ignorando advertencias técnicas sobre o estado de determinadas edificacións no municipio.
O PSdeG-PSOE da Merca lembra ademais que xa puxo en coñecemento da Valedora do Pobo e da Mesa do Parlamento de Galicia a situación que denuncia no Concello, e insiste en que a súa prioridade actual é a acción de control e supervisión da actividade do goberno municipal.