O PSdeG-PSOE de Barbadás logra o respaldo do pleno ás súas dúas mocións e consegue incorporar oito propostas ao remanente

OurenseXa
Os socialistas destacan a aprobación das iniciativas sobre os locais sociais e a Casa da Mocidade e critican a improvisación na organización da sesión plenaria
concelleiras-psoe-barbadas
11 Jul 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás amosou a súa satisfacción polo resultado do pleno municipal celebrado este venres, no que foron aprobadas as dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista e no que o goberno local aceptou incorporar oito das quince actuacións propostas pola formación ao suplemento de crédito financiado co remanente de tesourería.

A primeira das mocións, centrada na posta en marcha dun plan de mellora, conservación e mantemento dos locais sociais das parroquias, foi aprobada por unanimidade de toda a corporación.

A concelleira Ana Belén Peleteiro defendeu que "o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural". Ademais, lembrou que "non estamos a falar de edificios secundarios, senón de infraestruturas fundamentais para a vida das parroquias e para o tecido asociativo, que precisa espazos adecuados para organizarse, medrar e seguir sendo motor de participación".

A segunda iniciativa socialista, destinada a ampliar o horario de apertura da Casa da Mocidade durante as fins de semana e os períodos vacacionais, saíu adiante co apoio do PSdeG-PSOE, do Partido Popular e dos dous concelleiros non adscritos. Pola súa parte, o BNG, Partido Galego e os tres membros do equipo de goberno abstivéronse.

A concelleira Noemí Pintos cualificou o acordo como "un paso importante para recuperar un servizo pensado para a mocidade precisamente nos momentos nos que máis o necesita". Segundo indicou, "non ten sentido que un espazo creado para a mocidade permaneza pechado cando as mozas e os mozos máis poden desfrutalo. A Casa da Mocidade debe ser un verdadeiro punto de encontro, convivencia e participación, non un servizo limitado a un horario administrativo". Tamén lembrou que "estamos falando dunhas instalacións nas que xa se realizou un importante investimento público e que deben aproveitarse ao máximo. O goberno municipal non pode dar un paso atrás nun servizo que xa demostrara a súa utilidade social".

Outro dos asuntos destacados do pleno foi a aprobación do suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería. O Grupo Municipal Socialista votou a favor da modificación orzamentaria despois de que o executivo aceptase incorporar oito das quince actuacións formuladas polo PSOE para executar melloras en distintos espazos e servizos públicos do municipio.

Desde o grupo socialista consideran que este respaldo demostra que unha oposición pode influír nas políticas municipais mediante propostas concretas.

A voceira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Victoria Morenza Doforno, afirmou: "As nosas propostas non buscaban confrontar, senón mellorar Barbadás. Se o goberno acepta actuacións que consideramos prioritarias para o municipio, o noso deber é actuar con responsabilidade e facilitar que eses investimentos poidan executarse. Facemos unha oposición útil, baseada nas propostas e non no bloqueo".

O Grupo Municipal Socialista tamén criticou o desenvolvemento da sesión plenaria, que tivo que celebrarse en dúas xornadas. Segundo explica a formación, a composición actual da corporación e a existencia de dúas mocións presentadas polos concelleiros non adscritos facían prever unha sesión máis longa. O alcalde anunciou inicialmente que a continuación do pleno se celebraría o mércores, unha opción que finalmente foi descartada por non cumprir os prazos legais de convocatoria. Posteriormente convocouse para o xoves, convocatoria que tamén foi modificada, quedando fixada definitivamente para este venres.

Victoria Morenza cuestionou ademais a incorporación durante a sesión dun asunto extraordinario relativo ao convenio co Concello de Ourense en materia de saneamento antes de finalizar a orde do día prevista. Segundo indicou, "como consecuencia desa decisión quedaron sen debater iniciativas da oposición mentres se daba prioridade a unha proposta do propio goberno municipal. Se había que deixar asuntos para unha segunda sesión, o lóxico era que fose o último punto incorporado á orde do día e non as mocións presentadas polos grupos da oposición".

O PSdeG-PSOE considera que esta situación evidencia "unha preocupante falta de planificación na organización dos plenos" e reclama que nas vindeiras sesións se respecte a orde dos asuntos e os procedementos establecidos para garantir un funcionamento "rigoroso e transparente" da institución municipal.

0.11019277572632