O PSdeG-PSOE de Barbadás propón aproveitar o Ano Oteriano para reforzar a cultura e a lingua galega no municipio

O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao vindeiro pleno municipal unha moción coa que busca impulsar unha programación cultural específica ao abeiro do Ano Oteriano 2026 e reforzar o compromiso do Concello coa promoción da lingua galega.
A proposta toma como referencia o 50 aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo e pretende converter esta conmemoración nun punto de partida para dinamizar a política cultural local. Segundo explican desde o grupo socialista, o obxectivo é desenvolver unha programación participativa, vinculada ao territorio e aberta á implicación da veciñanza, do tecido asociativo e da comunidade educativa.
A concelleira socialista Ana Belén Peleteiro subliña que “esta moción nace cun espírito construtivo e cunha visión de futuro para Barbadás” e engade que “queremos aproveitar unha efeméride tan relevante como o Ano Oteriano para fortalecer a nosa identidade cultural, poñer en valor o galego e abrir novas oportunidades para a participación cidadá arredor da cultura”.
Entre as medidas propostas inclúese o deseño dunha programación ao longo de todo o ano 2026, co galego como lingua vehicular, así como o impulso de actividades vinculadas ao Día das Letras Galegas, accións nos centros educativos e iniciativas en colaboración co tecido asociativo para estender a actividade cultural ás distintas parroquias.
Peleteiro considera que “Barbadás ten potencial para liderar un proxecto cultural ambicioso e integrador, e esta moción vai precisamente nesa dirección: sumar, construír e facer da cultura unha ferramenta de cohesión social e de orgullo colectivo”.
Desde o PSdeG-PSOE sinalan que a iniciativa pretende ir máis alá dunha homenaxe simbólica, apostando por consolidar políticas públicas que reforcen o uso social do galego e impulsen unha programación cultural continuada. “Defender o galego e apostar pola cultura é tamén apostar polo futuro do noso concello”, afirma a concelleira, quen engade que “as administracións locais teñen que ser parte activa na normalización lingüística e na creación de espazos onde a nosa lingua e a nosa cultura sexan protagonistas”.
A moción tamén contempla o desenvolvemento de campañas de sensibilización sobre o uso do galego, especialmente entre a mocidade, e reivindica a presenza da lingua propia na actividade cultural e institucional do Concello.