O PSdeG-PSOE de Barbadás propón un plan de mellora e conservación dos locais sociais do municipio

OurenseXa
A iniciativa que as socialistas levarán ao pleno contempla actuacións de mantemento, reforzo da seguridade e a elaboración dun plan plurianual para estes espazos
victoria-morenza-psoe-barbadas
Victoria Morenza
3 Jul 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás presentará no pleno ordinario previsto para o vindeiro luns unha moción coa que pretende impulsar novas actuacións de mellora, mantemento e dinamización dos locais sociais situados nas diferentes parroquias do municipio.

Desde o grupo socialista consideran que estes espazos desempeñan un papel relevante na actividade diaria das parroquias, ao acoller iniciativas veciñais, culturais e asociativas e funcionar como puntos de encontro para a convivencia e a participación cidadá. A proposta pon especial atención nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano, onde estes locais adoitan representar o principal espazo público dispoñible para a vida comunitaria.

A concelleira socialista Ana Belén Peleteiro subliñou a importancia destas instalacións e asegurou que “o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural”.

Na mesma liña, Peleteiro sinalou que “non estamos a falar de edificios secundarios, senón de infraestruturas fundamentais para a vida das parroquias e para o tecido asociativo, que precisa espazos adecuados para organizarse, medrar e seguir sendo motor de participación”.

A edil tamén advertiu da necesidade de establecer unha planificación específica para este ámbito e afirmou que “o mantemento destes espazos non pode depender da improvisación, senón que require planificación, investimento e unha vontade política clara de apostar polo equilibrio territorial”.

Entre as medidas recollidas na moción figuran actuacións destinadas á conservación e mellora das instalacións, como traballos de pintado e mantemento xeral, aplicación de tratamentos protectores da madeira, medidas contra a carcoma e revisión de pechaduras e sistemas de acceso para reforzar a seguridade.

A proposta tamén incorpora melloras relacionadas co equipamento interior dos locais, entre elas a instalación de estores de protección solar, armarios para almacenaxe ou sistemas específicos para organizar material deportivo, co propósito de optimizar o uso destes espazos e favorecer a súa conservación.

Outro dos apartados da iniciativa céntrase na elaboración dun plan municipal de mantemento e mellora dos locais sociais cunha planificación plurianual. O documento establecería prioridades de actuación, un calendario de intervencións e unha dotación económica específica.

Ademais, o grupo socialista aposta por reforzar a relación co tecido asociativo local para coñecer necesidades concretas, mellorar a xestión dos espazos e responder con maior rapidez ás incidencias que poidan xurdir.

Desde o Grupo Municipal Socialista de Barbadás sinalan que a proposta pretende continuar actuacións xa iniciadas e avanzar cara a un modelo baseado nunha maior planificación, participación e atención ás necesidades das parroquias e do rural.

0.093168020248413