O PSdeG-PSOE de Beade denuncia que o Concello recorre a un crédito bancario de 100.000 euros ante problemas de liquidez

O PSdeG-PSOE de Beade denunciou que o goberno local impulsase unha operación de crédito bancario por valor de 100.000 euros, aprobada no pleno extraordinario celebrado esta semana cos votos a favor dos tres concelleiros populares e en contra dos dous representantes socialistas.
Segundo denuncia a formación socialista, a operación responde á necesidade de financiar as obras de acondicionamento do local social das antigas escolas das Regadas, así como de varios camiños municipais. O alcalde tería explicado no pleno que estas actuacións contan cunha subvención da Xunta de Galicia, aínda que o Concello debe adiantar previamente o importe dos traballos para poder recibir posteriormente esa axuda. O PSOE local sostén que o Concello dispón de 60.000 euros, mentres que as obras requirirían adiantar arredor de 140.000 euros, o que levaría ao goberno local a solicitar o préstamo de 100.000 euros para cubrir a diferenza.
A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, afirma que a documentación do propio expediente municipal contradí a versión ofrecida polo alcalde. Segundo sostén, o informe de Tesouraría datado o 6 de outubro non atribúe a necesidade do préstamo unicamente ao adianto da subvención, senón que recoñecería a existencia dun déficit temporal de liquidez nas arcas municipais, unha situación que, segundo ese informe, podería dificultar o pagamento puntual das ordes recibidas e afectar tanto a pagamentos ordinarios e preferentes como a subvencións pendentes de xustificar ante outras administracións.
“O alcalde pode contar no pleno a explicación que queira, pero os documentos oficiais do Concello din outra cousa”, declarou Rama Cotelo, quen reclama coñecer con claridade cal é a situación real das contas municipais.
Condicións do préstamo
De acordo coa documentación municipal citada polos socialistas, o crédito contempla un prazo de devolución de doce meses e un tipo de interese variable, referenciado ao euríbor a tres meses máis 0,29 puntos porcentuais, cunha liquidación trimestral dos xuros. No caso de non reintegrarse dentro do prazo establecido, aplicaríase un interese de demora do 2 %. Segundo a información trasladada pola formación socialista, a operación adxudicaríase tras recibir unha única oferta das tres entidades bancarias consultadas, correspondente a ABANCA.
Rama Cotelo advirte de que esta vía implica asumir unha obriga financeira con custo para o municipio, que podería repercutir na capacidade de gasto futura do Concello, especialmente se non se consegue devolver o préstamo no prazo previsto.
Reclaman fondos directos da Xunta
A voceira socialista propón como alternativa que sexa a propia Xunta de Galicia, cun orzamento que, segundo cita, supera os 14.000 millóns de euros, a que adiante directamente os recursos necesarios, en lugar de que sexa o Concello o que recorra ao endebedamento. Neste sentido, pide que o alcalde empregue a súa relación política cos responsables da administración autonómica para resolver a situación sen comprometer as finanzas municipais.
Rama Cotelo sinala igualmente que os 100.000 euros do crédito equivalerían a preto dunha cuarta parte dos ingresos correntes liquidados polo Concello en 2025, cifrados segundo a documentación en 390.305,97 euros. Segundo indica, aínda que o informe de Secretaría municipal considera que a operación respecta os límites legais establecidos, esta proporción reforza, ao seu xuízo, a necesidade de aclarar publicamente os motivos que levaron a esta situación de falta de liquidez.
A edil socialista reprocha ao goberno local unha falta de transparencia no acceso á documentación municipal, ao sostener que a oposición debe solicitar cita previa para consultar os expedientes, o que considera que dificulta o exercicio da labor fiscalizadora que corresponde aos grupos municipais.